Accidentes e mortes laborais; unha lacra que continúa a pesar da paralización pola pandemia

O último informe do ISSGA sobre sinistralidade laboral apunta a un descenso en accidentes laborais. Pero é unha ilusión. No caso de sinistros con resultado de morte, as cifras só diminuíron nun 3.7%, un dato que contradí a falta de operatividade durante o 2020 fronte o 2019. Os factores detrás desta escasa diminución na mortalidade están ligados moitas das veces coa cultura empresarial e laboral, os ritmos de produción e a precariedade nos postos de traballo.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 03/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os accidentes laborais en Galicia descenderon en 2020. O número de accidentes mortais diminuíu, mais só un 3.7%. Segundo os sindicatos, o ecosistema empresarial galego en base a PEMES e microempresas, fai que se dea prioridade moitas veces á produción sen observar a calidade dos postos de traballo, os horarios dos e das empregadas e deixando a tarefa observadora de riscos laborais a mútuas ou empresas aseguradoras. A crise económica de 2008 e as súas consecuencias empatadas coa crise económica da COVID-19, trouxeron, segundo as fontes sindicais, unha precarización aínda maior no mercado laboral.

Varios traballadores dunha empresa de ferros - Europa Press - Arquivo
Varios traballadores dunha empresa de ferros - Europa Press - Arquivo

GALICIA, QUINTA NOS DATOS ESTATAIS

O número de persoas mortas en accidente laboral foron 54 en 2019 e 52 en 2020, un descenso do 3,7% nun ano caracterizado por unha actividade económica moi baixa fronte ao ano anterior. “Os maiores incrementos déronse en agricultura, pesca, que pasaron de 7 mortes en 2019 a 15 en 2020 e por último, o sector servizos” sinala Roi Fernández secretario de Saúde Laboral de CC.OO. Fernández pon o punto noutras áreas laborais como a forestal “onde se debera facer un estudo sobre sinistralidade que aínda non existe”.

“Entendemos que a baixa da actividade económica en 2020 tamén trouxo unha baixa na observación das medidas de seguridade laboralrazoa Mar Martín secretaria de Política Sindical de UGT. Desde a crise de 2008 e as reformas laborais ligadas a ela, trouxeron recortes mesmo en políticas de saúde laboral e coa chegada da crise sanitaria, a observación destas medidas relaxáronse moito máis.

Un dato preocupante de ser certo é o “encubrimento de moitos accidentes laborais como accidentes leves ou non rexistrados como laborais” di Xavier Cartelle responsable da Secretaria Confederal de Emprego da CIG. Cartelle suma a isto a relaxación de medidas preventivas cunha “cultura limitada sobre o que é a seguridade laboral” que é observada como un elemento case “anecdótico”.

Sinistralidade laboral, Consellería de Emprego
Sinistralidade laboral, Consellería de Emprego | Fonte: Ministerio de Trabajo

Actualmente o que importa é a produción, non o posto de traballo, cada vez máis sufocado por maiores esixencias” denuncia Ricardo Castro, secretario xeral da CUT. Esa presión aumenta cando o cadro de persoal deixa de ser permanente, cando a temporalidade aumenta e a experiencia diminúe. “Outras causas teñen que ver co mesmo centro de traballo e o ritmo de traballo onde hai xornadas moi prolongadas, pois só preocupa a produción”.

Segundo a Consellería de Emprego sinala que a tendencia en canto sinistralidade laboral en xeral é á baixa. "O que non exclúe intervalos de repunte (exemplo anos 2014 a 2016), onde inflúen sinistros múltiples na pesca ou un maior peso de accidentes de tráfico durante a xornada de traballo". Sobre a cuestión de saúde laboral e prevención de riscos laborais "é clave a información e formación da poboación traballadora".

TEMPORALIDADE, PRECARIEDADE E SINISTRALIDADE

Roi Fernández apunta a unha “falta de cultura preventiva” en todos os sectores laborais como parte da sinistralidade rexistrada en 2020. Esta falta de cultura preventiva vén provocada polo desinterese do empresario? “Non, porque as PEMES moitas veces delegan en empresas exteriores a observación das medidas de seguridade” apunta Mar Martín. A dirixente de UGT sinala que a sinistralidade inflúe en todos os sectores. Como exemplo pon que en 2020 o 41% de accidentes correspondeu ao sector servizos, encabezados polas grandes superficies comerciais, transportes, sanidade, hostalaría e funcionariado.

Indo máis ao fondo, a análise maioritaria das forzas sindicais apuntan a dous factores como raíces da sinistralidade laboral e o seu aumento; temporalidade e precariedade. “O 40% das persoas traballadoras teñen contratos temporais” apunta Fernández. Hoxe en día a rotación de persoal dentro dun mesmo posto ten como consecuencia un menor coñecemento profesional, este estremo aumenta os índices de sinistralidade.

“A temporalidade tradúcese nunha falta de tempo para a formación da persoa traballadora, se lle sumamos a isto o aumento dos horarios laborais, a sinistralidade increméntase notablemente” di Xavier Cartelle. Detrás dos factores enumerados está o “modelo produtivo onde a seguridade e a saúde están por debaixo doutros intereses”.

“En Galicia retiráronlle competencias de inspección ao ISSGA pois era unha molestia para as empresas” di Ricardo Castro. “Tanto a Xunta como o Estado recoñecen a primacía do económico sobre o social, é como se a palabra da empresa valese máis que a do traballador”.

A Consellería de Emprego responde que a actividade do Issga realiza dúas tarefas esenciais: "por unha banda, o seu carácter de órgano técnico-científico, que precisa de estudo e preparación constante, doutro lado, fai un traballo deseñado e consensuado coas organizacións sindicais e empresariais para que responda á demanda real e efectiva do tecido empresarial galego".

A sinistralidade laboral en Galicia baixou pouco en 2020 con respecto ao 2019, e todo aínda que a actividade económica se reducira notablemente debido á pandemia da COVID. Fóra diso, houbo sectores que mantiveron a actividade e nalgúns casos a incrementaron para dar resposta á situación de emerxencia sanitaria, social e económica. Isto produciu un aumento da sinistralidade en sectores que son clave como o sanitario, funcionarial e comercio, por poñer só uns exemplos. Doutra banda o sector primario en Galicia, o que fornecería as superficies comerciais con produtos agrarios, duplicou a mortalidade laboral. É posible que no tempo post-COVID as regras deban cambiar en canto saúde e seguridade laborais.

Táboa de accidentes mortais por comunidade/ISSGA/CCOO
Táboa de accidentes mortais por comunidade/ISSGA/CCOO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta