Por Europa Press / Redacción | MADRID | 28/04/2021 | Actualizada ás 22:20
O Pleno do Senado aprobou a Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética coa inclusión de emendas --presentadas por Cs-- que modifican o polémico artigo (20.4) relativo ás concesións no dominio público marítimo terrestre co fin de aclarar que non haberá efecto retroactivo. Agora o texto devolverase ao Congreso dos Deputados para culminar a súa tramitación lexislativa, antes da súa remisión definitiva ao Boletín Oficial do Estado.
Nun recente informe, o Consello Consultivo de Galicia concluíu que este artigo da Lei de Cambio Climático era inconstitucional ao considerar que afectaría tanto os prazos de duración das concesións --e das prórrogas outorgadas-- antes de que a norma entre en vigor como tamén á validez dos actos administrativos que se ditaron ao amparo da normativa anterior.
Esta cuestión, provocou que a Xunta anunciase que recorrería ao Tribunal Constitucional se non se modificaba ao texto, pois considera que ten como fin limitar a duración das concesións da Lei de Costas, cunha derrogación do prazo de ata 75 anos de prórroga extraordinaria, e a posta en risco do sector mar-industria galego, ao seu xuízo.
Precisamente, esa palabra de "ditado" é a que se cambia agora na emenda aceptada no Senado coa redacción de que "se diten tras a entrada en vigor" para matizar que non haberá efectos rectroactivos.
Respecto diso, o coordinador dos socialistas galegos no Senado, Xoaquín Fernández Leiceaga, destacou que a aprobación desta emenda serve para "despexar calquera sombra de dúbida" que puidese haber sobre a retroactividadd da norma, que se refira a "os actos que se diten" e non "aos ditados".
Nun comunicado, o socialista galego remarca que ningunha lei ten efectos retroactivos, pero opina que agora se exclúe calquera sospeita. Por todo iso, asegura que o sector pode ter "total tranquilidade".
RESPALDO, SALVO VOX E PP
A aprobación no Senado contou co respaldo de todos os grupos parlamentarios, excepto o de Vox, que votou en contra, e o PP, que finalmente se abstivo.
No Congreso dos Deputados, PP e Más País abstivéronse, mentres que na Cámara alta o PP mantivo a súa abstención e Más País decantouse finamente por apoiar a lei.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.