A veda do polbo estenderase desde este venres ata o 5 de xullo en toda Galicia

A Consellería do Mar e o sector acordaron este novo plan do polbo para o próximo ano, que entra en vigor este venres e que permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2021 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

A veda do polbo en Galicia estenderase desde as 16,00 horas deste venres, 30 de abril, e ata as 5,00 horas do luns 5 de xullo, segundo establece a resolución do plan experimental para a xestión desta especie para a campaña 2021/2022. No entanto, as capturas desembarcadas o 30 de abril poderán ser comercializadas tamén o 1 de maio naquelas lonxas nas que tradicionalmente se celebren vendas de polbo os sábados.

Segundo lembrou a Xunta, o período de veda do polbo significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. Por tanto, as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.

A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan experimental da especie co fin de axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.

PLAN 2021-2022

A Consellería do Mar e o sector acordaron este novo plan do polbo para o próximo ano, que entra en vigor este venres e que permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda.

Tal e como establece este plan, a partir do día 5 de xullo -data na que acaba a veda- e ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilos ao día. No resto da campaña, a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, cantidade á que se lle engaden 50 quilos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilos por día.

O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06,00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05,00 horas- e finalizará ás 16,00 horas. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes.

En canto ao réxime de calado das nasas de cabo Silleiro a Corrubedo, os aparellos terán que levantarse do seu calado e levar a porto todos os días coas seguintes excepcións: na zona de cabo Silleiro a Con da Aguieira, aquelas que estean establecidas en fondos superiores aos 20 metros poderán permanecer no seu calado sen ser levadas a porto mesmo durante o período de descanso semanal. O mesmo rexerá para o cara oeste da illa de Ons, desde O Con da Serriña ata o illote do Centulo, onde as nasas poderán permanecer no seu caladoiro sen ser levadas a porto e sen limitación de profundidade.

Na zona de Con da Aguieira a Cabo Corrubedo, ata o 1 de outubro terán que levantarse as nasas e levalas a porto todos os días. Desde esa data e ata o inicio da veda do ano seguinte, as nasas poderán permanecer caladas mesmo durante o período de descanso semanal. No resto do litoral galego, as nasas poderán permanecer no seu calado sen ser levadas a porto, mesmo durante o período de descanso semanal.

Polbo galego. XUNTA - Archivo
Polbo galego. XUNTA - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta