Debate sobre o estado (preocupante) da autonomía

Os debates sobre política xeral, na maioría dos casos, soen ser meras proxeccións mediáticas dos seus actores principais, movéndose en parámetros que comprenden entre a “alta comedia”, até a “traxedia grega”, en función de se a representación está feita polo goberno de quenda, ou a circunstancial oposición.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 14/10/2013

Comparte esta noticia
O chamado “Debate sobre o estado da Autonomía”, é sen dúbida máis do mesmo. Atoparémonos cun Presidente da Xunta tentando vender xestión eficaz en tempos de fonda crise, a pesares da evidencia da situación límite económico-social de Galicia, e a grupos da oposición que porán dende a tribuna parlamentaria verdades incontestables, mais en probable ausencia de achegas alternativas. O Parlamento galego deixou de ser unha cámara de representación do pobo e debate necesario, para virar cara un ágora cuberta, na que os deputados deambulan como almas en pena, en busca de tempos mellores para ambicións políticas desmedidas e presuntamente pouco capacitadas.
 
O estado da Autonomía, -ao que moitos consideramos nazón-, é un ano máis resultante de políticas con minúsculas, e de oposicións sen proxectos alternativos minimamente cribles. O evidente vieiro cara o desmantelamento do antes coñecido como “estado do benestar” é unha realidade palpable, responsabilidade directa de gobernantes que asumen o poder baixo “contratos coa sociedade” que incumpren, e que deslexitiman toda acción que pretendan levar a cabo baixo o paraugas da suposta democracia. Na Galicia actual, as promesas aos estaleiros da pasada campaña electoral seguen sen concretarse, mentres o sector desaparece, as industrias son engulidas polo vórtice da crise, mentres os que lles pechan a billa son salvados cos cartos de todos, e o agro sufre unha crise sen precedentes, dun sector que podía ser perfectamente vangarda para saír de ela.
 
Claro está que calquera pode ser bo xestor a base de esixir a enfermos crónicos que “repaguen” polos seus tratamentos, mentres subimos os impostos aos de sempre a base de “céntimos sanitarios”, como se o liberalismo dos que tanto presumen de selo, quedase para grandes sentenzas dos libros de Hayek, que tanto gusta aos poucos deputados dos populares que coñecen a súa obra.
 
Unha nazón que non debate sobre a protección dos seus sectores públicos e a defensa numantina dos que máis sofren o que non provocaron, non pode sentirse representada polas súas institucións. Agora ben, se o que importa é un espectáculo televisivo a xeito de insultos e berros guturais, aí si, o resultados está garantido. E non é iso…
 
Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA