Esclerose múltiple, unha enfermidade que avanza en Galicia e que ten en Ourense os peores datos na península ibérica

Investigadores do CHUS presentan un estudo que mostra que en Santiago se duplicou a prevalencia desta enfermidade dexenerativa en 12 anos. Outro estudo anterior alertou da situación en Ourense, coas cifras máis altas na península ibérica. A esclerose múltiple é a causa máis importante de discapacidade non traumática en adultos novos.

Por Alberto Quian | Madrid | 01/05/2021 | Actualizada ás 22:27

Comparte esta noticia

A frecuencia da esclerose múltiple vén aumentado nas últimas décadas no mundo. En Galicia, investigadores do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela constataron que a prevalencia desta enfermidade dexenerativa nesta área “duplicouse” nun período de doce anos, o comprendido entre 2003 e 2015.

Persoa en cadeira de rodas
Persoa en cadeira de rodas | Fonte: JCCM - Arquivo.

O estudo vén de ser publicado na revista científica Multiple Sclerosis and Related Disorders, nun artigo asinado por Eva Costa Arpín, Begoña Ares, Arturo González Quintela e José Prieto González.

Detalladamente, nese período de tempo a prevalencia aumentou de 68 a 143 casos por 100.000 habitantes, pasando de 83 a 176 nas mulleres, e de 49 a 106 en homes.

O dato menos negativo é que “o aumento da incidencia non foi significativo”, pasando de 5 a 8 casos por 100.000 habitantes ao ano.

Destacan tamén que a idade media dos afectados por esta enfermidade aumentou en 5,7 anos.

Para comprender estes datos é necesario, primeiro, explicar que a prevalencia cuantifica a proporción de individuos dunha poboación que padecen a enfermidad nun momento ou período de tempo determinado, é dicir, suma os casos novos e vellos activos; mentres que a incidencia calcula o número de casos novos nesa poboación durante un período de tempo determinado.

Prevalencia e incidencia, polo tanto, están moi relacionadas, xa que a primeira depende da segunda e da duración da enfermidade. Se a incidencia é baixa pero os pacientes teñen a enfermidade durante un longo período de tempo, a proporción da poboación coa enfermidade nun momento dado pode ser alta en relación coa incidencia. E se a incidencia é alta e a duración é curta, xa sexa porque os pacientes se recuperan pronto ou morren, a prevalencia pode ser baixa en relación á incidencia. Por tanto, os cambios de prevalencia poden ser resultado de cambios na incidencia, cambios na duración da enfermidade ou por ambas as causas.

Pois ben, a desproporción atopada polos científicos do CHUS no crecemento da prevalencia e da incidencia da enfermidade, así como a maior idade media atopada nos doentes, “suxiren unha supervivencia máis longa dos pacientes con esclerose múltiple”, conclúen os investigadores.

Detalladamente, explican que “a prevalencia da esclerose múltiple está aumentando no noroeste de España, especialmente nas mulleres”. Unha evolución que, din, “é independente das actualizacións dos criterios de diagnóstico”. “Pola contra”, proseguen, “a incidencia crece nunha proporción menor e non significativa e, polo tanto, non pode explicar o maior número de casos”.

Esa “maior evolución e maior idade”, rematan, “suxiren que unha redución da mortalidade podería ser o principal contribuínte á maior frecuencia da enfermidade”.

OURENSE, A CIDADE CON MAIOR PREVALENCIA NA PENÍNSULA IBÉRICA

Un estudo publicado en xullo de 2020 na revista científica Neurology concluíu que Ourense é a cidade con maior número de casos de esclorese múltiple por 100.000 habitantes na península ibérica, dobrando e mesmo triplicando os datos de moitas áreas españolas.

A investigación, realizada por membros do Servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), o servizo de Documentación Clínica e médicos de familia, calculou a incidencia e a prevalencia desta enfermidade na cidade. Os resultados foron preocupantes: 184,1 casos por 100.000 habitantes.

“A cidade de Ourense presenta a taxa de prevalencia de esclerose múltiple máis alta das estudadas ata a actualidade na península ibérica, cunha cifra que a aproxima aos datos comunicados en áreas máis setentrionais de influencia nórdica e anglosaxoa”, concluíron os científicos.

A investigación rexistrou 195 casos diagnosticados de esclerose múltiple entre 105.892 habitantes, no ano 2016. De entre estes, unha maioría eran mulleres (68 %), coa alarmante cifra de 232 casos por cada 100.000 habitantes.

No período de estudo, entre 2002 e 2016, diagnosticáronse 127 casos de esclerose múltiple na cidade, o que supón unha incidencia media de 7,86 casos por 100.000 habitantes e ano.

A idade media do diagnóstico foi de 32 anos, o que confirma que a esclerose múltiple é unha enfermidade que afecta a adultos novos. Ademais, o tabaquismo estaba presente no 40,5 % dos pacientes, máis do dobre que no conxunto da cidadanía ourensá, e os niveis de vitamina D, que en grande parte se obteñen polos raios solares, estaban no rango de insuficiencia ou de deficiencia no 97,8 % dos pacientes.

POSIBLES CAUSAS

Pero por que estas cifras tan altas en Ourense? Os autores deste estudo aluden a varios motivos. O primeiro, a situación xeolóxica da cidade, que a expón ao radon, un gas que cren podería ter un papel importante no desenvolvemento da esclerose múltiple, como apuntan algunhas investigacións científicas, pois se sabe ademais que na esclerose múltiple non só interveñen factores xenéticos, tamén ambientais.

Sábese que o gas radon, cuxa inhalación tamén é un factor de risco para padecer cancro de pulmón, presenta concentracións moi elevadas no 70 % do territorio galego, debido ao substrato xeolóxico de Galicia. As zonas nas que se concentra máis cantidade de radon por metro cúbido sitúanse na parte sur de Ourense e nalgunhas áreas de Pontevedra, como a Serra do Suído. Nestas dúas provincias, o 22,9 % e o 19,8 % das vivendas medidas, respectivamente, superan o nivel de referencia dos 300 Bq/m3 que marca a Directiva Europea. 

Outro factor de risco para desenvolver esclerose múltiple é a menor exposición ao sol. Por exemplo, un estudo tamén publicado na revista Neurology, realizado por científicos da Universidade de Columbia Británica (Canadá), mostrou que as persoas que viven en áreas onde están expostas a máis raios ultravioleta teñen menos probabilidades de desenvolver esclerose múltiple.

Sobre o factor xenético, os investigadores galegos destacan o intercambio xenético que historicamente se deu na zona de Ourense. E apuntan a que a pobreza histórica da comarca provocou unha alta emigración, perpetuando estas influencias xenéticas entre a poboación que non emigraba.

Máis detalladamente, cren que esta predisposición xenética foi transmitida desde as rexións escandinavas a través das invasións viquingas e podería presupoñer unha influencia do déficit de vitamina D en relación cun menor número de horas de sol anuais.

Así, a prevalencia da esclerose múltiple en Ourense sitúase en niveis similares aos doutros países con taxas ”altas”, como os nórdicos ou anglosaxóns.

ENFERMIDADE DISCAPACITANTE

Segundo datos da Sociedad Española de Neurología (SEN), a esclerose múltiple afecta a 47.000 persoas en España, a 700.000 persoas en Europa e a 2,5 millóns de persoas en todo o mundo.

Cada ano diagnostícanse 1.800 novos casos en España, dos cales, o 70 % corresponde a persoas entre os 20 e os 40 anos, “o que a converte nunha das enfermidades neurolóxicas máis comúns entre os mozos, aínda que existen formas precoces e tamén tardías da enfermidade”, advirte a SEN.

A sociedade de neurólogos tamén confirma que “nas últimas dúas décadas, o número de pacientes con esclerose múltiple duplicouse”.

“Nos últimos anos demostrouse que a incidencia e a prevalencia da enfermidade aumentaron, e non só debido a que os medios diagnósticos sexan mellores e se diagnostique máis tempranamente a enfermidade, senón que parece haber factores ambientais que favorecen a aparición da enfermidade, como o tabaquismo, o déficit de vitamina D, as radiacións ultravioletas, o cambio de dieta, ou outros factores que aínda non puideron ser determinados”, expón a SEN.

Outro dato que preocupa aos neurólogos é que “a medida que se incrementan os casos de esclerose múltiple, tamén parece aumentar a proporción de mulleres que a padecen”. Segundo a SEN, a probabilidade de que unha muller chegue a padecer a enfermidade pasou do 1,4 dos primeiros estudos, ao 3,2 actual.

A esclerose múltiple é a causa máis importante de discapacidade non traumática en adultos novos e tamén unha enfermidade capaz de reducir significativamente a esperanza de vida. Malia a importancia dun prognóstico temperán, a SEN estima que o atraso medio no diagnóstico e tratamento da esclerose múltiple é de entre un e dous anos.

A necesidade de máis apoio á investigación científica sobre esta enfermidade é imperiosa: o 75 % dos afectados por esclerose múltiple conta con certificado de minusvalía, un 50 % necesita de apoio para deambular e un 23 % necesita cadeira de rodas.

ESCLEROSE MÚLTIPLE NO CONTEXTO DA COVID-19

A pandemia de covid-19 supuxo un alto risco engadido para os afectados pola esclerose múltiple. Segundo datos de estudos manexados pola SEN, o 46,5 % dos enfermos afirma que a pandemia xerou unha deterioración na súa calidade de vida.

Un 24 e un 19 por cento, respectivamente, empeoraron o seu estado de ánimo e a fatiga; un 68 por cento notificou cambios na súa dieta e un 62 por cento na actividade física diaria e, do total de pacientes con hábitos tóxicos previos, case un 16 por cento aumentou a súa frecuencia de consumo durante o estado de alarma; ademais, case un 31 por cento deixou de realizar algúns dos controis analíticos que tiña programados ou de acudir a consultas médicas.

É importante subliñar que, como lembra o Observatorio Esclerosis Múltiple, “a evidencia científica indica que ter esclerose múltiple non aumenta o risco de contaxiarse de covid-19 nin de enfermar de gravidade, pero algunhas persoas con esclerose múltiple si que poderían estar en maior risco de contaxio ou de complicacións se se infectan. Isto pode ser, por exemplo, pola fraxilidade ou por outras condicións crónicas” causadas pola enfermidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta