Angrois, a estratexia manipuladora do Estado

O Estado ten unha enorme habilidade propagandística, sabe como dirixir a axenda informativa para minimizar os custos políticos distraendo a atención daqueles elementos que levarian a exixirlles responsabilidades.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 16/10/2013

Comparte esta noticia

Ademáis de habilidade os gobernantes dispoñen de moitos cartos, son cartos, que coerción mediante, pasan de ser alleos a ser de manexo propio, son cartos sustraidos a cidadáns e empresas sen contar co consentimento destes, é dicir, son cartos confiscados por medios coactivos, pese a haber, en amplos sectores da cidadanía, pouca confianza e fé na eficiencia da administración pública cando se trata de resolver un problema, todos temos moi claro que a Facenda é tremendamente eficaz para facernos cumprir unhas obrigacións fiscais fixadas unilateralmente polo Estado.

Entre outras cousas eses cartos permitenlles manter medios de comunicación públicos que están controlados polos respectivos gobernos, ainda que tratan e tratarán de vendelos como un “servizo público” en realidade están ao servizo do poder, son medios de propaganda que pagamos os contribuintes e cuxo fin último e controlar a opinión e o pensamento dos propios contribuintes, é tremenda a inmoralidade subxacente a que nos obriguen a pagar unhas ferramentas comunicativas que contribuen a manter o control do poder político sobre a cidadanía para garantir, entre outras cousas, a perpetuación do sistema.

Pois ben, despois do acidente de tren en Santiago, o Estado puxo á sua maquinaria propagandística a traballar e non a puxo para esclarecer as causas do acidente, caese quen caese, que é o que debería facer se fose certo esa trola tan repetida de que o Estado se preocupa polo benestar dos cidadans, senón que a puxo a traballar para minimizar o custo político do acidente, procurando en realidade, o benestar das persoas que ocupan os postos relevantes do Estado e a proteción dos xerifaltes políticos que de poideran ver salpicados polo acidente, inicialmente, medios públicos e algúns privados subsidiados puxeron o acento en responsabilizar do acidente exclusivamente ao condutor.

Posteriormente e cando grazas a algúns medios privados e a internet a realidade das graves carencias da via en materia de seguranza foron saindo á luz e cobrando forza o Estado puxo os seus esforzos en distraer a atención utilizando políticamente aos viciños de Angrois, que se novo torreiro da festa, que se homenaxe no concello, que se os “herois de Angrois” para riba e os “herois de Angrois” para abaixo. Como os propios viciños dixeron ninguén se lembrou de eles ata que comezaron a ser útiles, útiles para distraer a atención.

É obvio que hai que estar agradecido aos viciños de Angrois, eu, que perdin á miña nai no acidente, estouno, é digna de louvar a sua solidariedade, unha solidariedade de verdade, a solidariedade ou é voluntaria ou non é e consiste en dar algo dun mesmo voluntariamente para axudar aos demáis, non hai solidariedade se hai coerción como medio, non hai solidariedade nas accións do Estado financiadas con diñeiro dos demais, si a houbo nos viciños de Angrois.

Na frente política ninguén nos explica porque o que nos venderon ata a saciedade como “el AVE gallego” ao dia seguinte do acidente non era considerado como AVE por aqueles que insistiron en que xa había AVE na liña Ourense-Santiago e trataron de vendelo como un favor a Galicia, hai que ter unha capacidade de manipulación espectacular para lograr vender con éxito, como un favor propio o que pagan os demais. Ademáis de protexer aos gobernantes, cumpría protexer para devolverlles favores ás empresas implicadas no sector ferroviario, que, como se ven obrigadas a facer a inmensa maioria das empresas cuxo traballo depende do sector público, sobornan aos gobernantes, e financian aos seus partidos.

Mentres tanto e na frente xudicial, o goberno, através da fiscalia, lembremos que a fiscalia é un organo xerárquico controlado politicamente, está insistindo en que ADIF e os seus directivos implicados non deberían estar imputados, e non é que pense a fiscalía que hai responsabilidade noutra instancia gobernamental, non, non cree que ninguén sexa responsable de que o punto máis perigoso do percorrido non contase co sistema de seguranza ERMTS, que tería evitado o acidente. Podemos estar tranquilos, o Estado, através da fiscalia, vela por nós.

Na frente parlamentaria PP e PSOE protexeronse mutuamente, todos están de acordo en non asumir responsabilidades por esa inauguración express que José Blanco quixo facer antes de que acabase o seu mandato e que moi plausiblemente estivo na orixe da grave chapuzada de non dotar á via das medidas de seguranza necesarias, en xusta reciprocidade, tampouco o PSOE foi nada duro preguntando porqué o punto máis perigoso do percorrido era precisamente o que non contaba co sistema de seguranza necesario. O silencio complice chámase Omertá, os mafiosos saben que é crucial para se protexeren.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA