Privaticen Balaídos

Todos os grandes clubes españóis e a maior parte dos europeos teñen estadios en propiedade, forma parte da fortaleza da institución, dos activos, dalle solidez e prestixio ao clube do que se trate e permitelle medrar, na Europa actual a fortaleza dos clubes deportivos, moi particularmente dos clubes de futbol marca a importancia da cidade, ter un estadio municipal é sintoma de fraqueza, ninguén imaxina ao Real Madrid, ao FC Barcelona, ao Atlético de Madrid, o Valencia, o Sevilla ou ao Athletic de Bilbao xogando nun estadio municipal.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 30/07/2019

Comparte esta noticia
Desde hai un tempo os celtistas temos sido testemuñas da polémica arredor da propiedade do estadio de Balaidos, por resumir moito o asunto, o Real Clube Celta, através do seu presidente Carlos Mouriño ten manifestado en varias ocasións o seu interese en facerse coa propiedade do estadio, mentres que desde o Concello de Vigo, o seu alcalde, Abel Caballero tense manifestado repetidamente en contra.
 
Das derivadas deste asunto destacaría duas, por unha banda o clube está tratando de construir, no limítrofe Concello de Mos, unha cidade deportiva cun campo que quizá no futuro podería ser escalado até se converter no lugar onde o Celta acabase xogando os partidos da casa. Por outro lado o Concello está executando unha reforma en Balaidos que está a presentar moitos problemas e frecuentes queixas pola sua deficiente execución.
 
 
Estadio de Balaidos
É sabido por todos, ainda que recoñecido por poucos, que a xestión pública soe ser menos eficiente, ou mellor dito, máis ineficiente, que a xestión privada, e isto non porque os xestores privados non se equivoquen, que tamén o fan, senón porque teñen un incentivo moi forte para non errar e unha vez que o fan, para rectificar, posto que o custo dos seus erros castigaos directamente na súa economía.
 
Cando un empresario non acerta demasiadas veces nas suas decisións, simplemente a sua empresa desaparece, mentres que co Concello ou o Goberno non pasa o mesmo, o custo das malas decisións diluese entre millares ou millóns de contribuintes que na maior parte dos casos nen sequera reparan no que está acontecendo, esa dilución do custo da ineficiencia xera irresponsabilidade por doquer, por iso a economía privada é moi superior á pública no que se refire á sua eficiencia e portanto en garantir un maior nivel de prosperidade xeral da sociedade.
 
Balaidos é de propiedade municipal pero o seu único usufructuario é o Celta, non todo o pobo vigués, como demagoxicamente se dixo, entón, porque non venderllo ao Clube como estes pedían? porque non ingresar unha boa cantidade de millóns para as arcas municipais coa venda e aforrar aos contribuintes (incluindo as familias humildes de Coia, do Calvario ou de Bembribe) centos e centos de millares de euros durante toda a vida do estadio, no mantimento e reforma dunha instalación deportiva?
 
A xestión privada non é só máis eficiente senón tamén máis xusta e moral, que é preferible? que paguen a reforma e mantimento de Balaidos todos os contribuintes de Vigo, incluindo individuos pobres e individuos que detestan o futbol ou que son do Deportivo ou do Celtic de Glasgow que viven e pagan impostos en Vigo? ou será máis xusto que paguen o mantimento e reforma do estadio os que libre e voluntariamente financian o clube ao facerse socios, comprar unha camisola ou pagar unha entrada? a pregunta respóndese soa.
 
Resulta paradoxal e francamente triste que na única das sete maiores cidades galegas que debe o seu éxito, exclusivamente ao mercado, á decisión de empresarios que decidiron establecer a sua actividade alí e non a decisión políticas de fixar unha capitalidade política ou de instalar empresas públicas, practicamente ninguén alce a voz cando alguén nesa sociedade civil quere medrar e facerse forte e estáselle dificultando desde unha perversa lóxica política de monopolio do poder na cidade. Nen un só partido con representación no concello da cidade da oliveira pediu que se vendese o estadio ao Celta, incluindo, claro está, ao socialdemócrata PP.
 
A categoria dunha cidade vese mais nestas cousas que na iluminación de nadal. A institución municipal non quere dar un paso importante para convertirse nunha cidade de primeira división, prefiren ser unha vila socialistizada, sen dinamismo, onde o Concello controla todo e nada se move sen subvencións de por medio. Agardemos que a sociedade viguesa saiba decatarse de que está ante unha oportunidade histórica, a de facer medrar o seu clube mais representativo, e por ende, incrementar a categoria da cidade. As cidades para prosperar necesitan administracións facilitadoras, non intervencionistas, quizá non é o que queiran a maior parte dos cidadáns, pero é requisito imprescindible para a prosperidade.

Estadio municipal de Balaídos
Estadio municipal de Balaídos | Fonte: TVG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA