Pilar Fernández Pérez, a primeira muller que se postula para Fiscal Superior de Galicia

É da Unión Progresista de Fiscais (UPF) e competirá co actual presidente, Carlos Suances, da conservadora Asociación de Fiscais, e o independente Juan Carlos Aladro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2021 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

O Consello Fiscal do próximo día 4 de maio deliberará e realizará a súa proposta sobre a elección do próximo Fiscal Superior de Galicia, un posto ao que opta o actual responsable, Fernando Suanzes, xunto ao fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, e a fiscala compostelá Pilar Fernández Pérez, a primeira muller que se postula para o cargo.

Esta proposta de elección na Fiscalía galega, que se elevará despois ao Goberno, prodúcese cun ano de atraso por mor dos problemas derivados da pandemia e será entre o continuísmo representando por Fernando Suanzes ou o cambio ao que optan Juan Carlos Aladro e Pilar Fernández Pérez que, de ser elixida, converteríase na primeira Fiscala Superior de Galicia.

Fernando Suanzes (Ferrol, 1953) é a terceira vez que opta ao cargo e, nesta ocasión, aspira a revalidalo. Licenciado en dereito pola Universidade de Santiago, iniciou a súa carreira fiscal en Las Palmas de Gran Canaria, desde onde accedeu á Audiencia da Coruña, unha cidade na que desenvolveu toda a súa carreira profesional. Pertencente á Fiscalía do TSXG, en 2015 foi nomeado Fiscal Superior de Galicia. Está especializado en menores, vixilancia penal, social e delincuencia económica e pertence á Asociación de Fiscais (AF), de matiz conservador.

Fronte a el, opta a este posto Juan Carlos Aladro, de orixe leonesa e actual fiscal xefe de Pontevedra, un cargo que ostenta desde 2007. A pesar da súa orixe --fóra de Galicia--, desempeñou toda a súa carreira fiscal na provincia de Pontevedra, onde se especializou en delitos contra o territorio e o medio ambiente.

De feito, foi o responsable da demanda contra Ence, así como, máis recentemente, a querela contra Audasa polo cobro de peaxes durante as obras de Rande. Non pertence a ningunha asociación e preséntase ao cargo por segunda vez.

Finalmente, Pilar Fernández Pérez (Ourense, 1966) é a primeira muller que opta a este posto. Fiscala en Santiago de Compostela, é responsable e experta en asuntos relacionados con violencia de xénero, atención a menores e igualdade, sobre os que versou diferentes traballos e relatorios. É membro da Unión Progresista de Fiscais (UPF).

Entrevista á fiscal Pilar Fernández no estudio de Radio Galicia
Entrevista á fiscal Pilar Fernández no estudio de Radio Galicia | Fonte: Cadena SER

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta