Feijóo sinala que o Pacto Social pola Vivenda mobilizará máis de 1.000 millóns

O presidente da Xunta fixo esas declaracións nos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2021 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, eloxiou este mércores o compromiso da arquitectura de Galicia coa recuperación urbana, paisaxística e coa sustentabilidade para deseñar os pobos e cidades do mañá.

Durante o acto de entrega dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020, Feijóo reivindicou a implicación dos profesionais do sector na recuperación do patrimonio urbanístico, no embelecemento das localidades galegas e na posta en valor da cultura paisaxística.

Tamén remarcou a aposta pola sustentabilidade ambiental e a eficiencia, "sen sacrificar a funcionalidade nin a estética". Nesta mesma liña, incidiu na importancia da arquitectura como elemento dinamizador da economía, do turismo e da demografía, "un sector que ten moito que dicir na reconstrución económica" que se afrontará post pandemia.

Sobre este punto, o titular da Xunta lembrou que o Executivo autonómico leva anos desenvolvendo iniciativas en todas as frontes ---vivenda, urbanismo e paisaxe--, activando "medidas de país". "Plasmamos toda nosa política para os próximos 5 anos no Pacto Social pola vivenda, asinado en xaneiro, e que mobilizará máis de 1.080 millóns para beneficiar a 70.000 familias, ademais de contribuír a xerar ou manter 30.000 empregos", dixo.

Feijóo participa na entrega dos Premios de Arquitectura de Galicia.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Feijóo participa na entrega dos Premios de Arquitectura de Galicia.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Así mesmo, lembrou a convocatoria este ano de axudas a particulares, comunidades e concellos e a posta en marcha de actuacións directas de rehabilitación por case 45 millóns de euros. A estes recursos tamén hai que sumar, remarcou, unha liña de axudas específicas para promotores; axudas urbanísticas que recibirán 39 concellos de menos de 20.000 habitantes para infraestruturas municipais; e 1 millón para loitar contra o feísmo, a través de pequenas intervencións para emendar máis de 300 impactos paisaxísticos.

PREMIOS

Segundo o presidente do Executivo autonómico, todos estes obxectivos atopan o mellor reflexo nos proxectos galardoados nos premios autonómicos. "Recoñecemos a visión innovadora de arquitectos como Juan Ignacio Prieto, Faustino Patiño e Estefanía Grandal, artífices da nova escola infantil de Veigadaña, en Mos; así como a aposta pola eficiencia do proxecto de reforma do antigo hotel Galicia, no centro de Vigo, de Leonardo Llamas", expuxo, referíndose tamén ás iniciativas de recuperación levadas a cabo por Juan José Otero, Cecilia López, Juan Antonio Caridad e Isidro López.

Sobre Alfonso Penela salientou que hai "un Vigo contemporáneo que non se explica sen el, citando a recuperación do antigo Xeral, xa reconvertido en Cidade da Xustiza; e a rehabilitación premiada da vivenda da Praza dos Pescadores, "nese Vigo histórico que volve latexar".

E de Manuel Galego Jorreto, referente da arquitectura de Galicia, recalcou que "soubo hermanar nas súas obras a innovación e respecto pola tradición e paisaxe, entendendo sempre que a obra do arquitecto debía ser amiga da integración, non da ruptura co establecido". "Comprometido coa funcionalidade e a beleza; comprometido coa terra, cos valores e coa nosa cultura ata o extremo de poder dicir hoxe que as súas obras son xa patrimonio arquitectónico de Galicia", abundou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta