O territorio que consomen os parques eólicos: "tan só dous proxectos equivalen a 3.300 campos de fútbol"

A Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra denuncia o "sobredimensionamento" das poligonais dos proxectos eólicos que o Ministerio de Transición Ecolóxica está a tramitar para a Comarca de Bergantiños e a Costa da Morte.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Galicia segue tecendo redes contra os proxectos de macroparques eólicos que ameazan con inzar territorio. Unha das últimas denuncias, da man da Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra, está vinculada ao "sobredimensionamento" das poligonais dos parques eólicos que o Ministerio de Transición Ecolóxica está a tramitar desde Madrid para a Comarca de Bergantiños e a Costa da Morte. Segundo indica a veciñanza organizada en torno á plataforma, os proxectos Orzar e Tornado, impulsados por Greenalia, abranguen unha superficie de case 59 Km2, o equivalente a "3.300 campos de fútbol profesionais ubicados entre os municipios de Carballo e Tordoia", tendo en conta, ademais, que o municipio de Carballo ocupa unha superficie de 186,1 Km2 e o de Tordoia 124,6 Km2. A eses "campos de fútbol" habería que engadir a superficie que ocuparían os puntos de apoio das liñas de evacuación.

Concentración contra os parques eólicos diante da Igrexa de Berdoias
Concentración contra os parques eólicos diante da Igrexa de Berdoias | Fonte: remitida

Doutra banda, o parque eólico Berdoias, impulsado por Iberdrola, contempla a instalación de 17 muíños que acadarían unha "altura aproximada de tres veces a catedral de Santiago", con 270 apoiospara estender a liña de evacuación ao longo dos municipios de Vimianzo, Muxía, Dumbría, Ordes, Cerceda, Santa Comba, Tordoia, Trazo, Val do Dubra, Zas e Carral. Ademais, a poligonal deste parque "acada ao medio do océano Atlántico e por enriba de toda a fachada litoral de Muxía e Camariñas entre o Cabo Vilán e o Cabo Touriñán", denuncian dende a plataforma. Cousa semellante ocorre co proxecto eólico Pedrabante, tamén impulsado por Iberdrola, que prevé a instalación de 20 muíños e 104 apoios da liña de evacuación que atravesarían os municipios de Carballo, Tordoia, Val do Dubra, Trazo, Vimianzo, Ordes, Cerceda e Carral.

"Este sobredimensionamento asociado a ampliacións futuras das instalacións ten consecuencias sobre a perda da biodiversidade e o aumento de enfermidades asociadas a esta, como o incremento de zoonosis. Ademais supón unha fragmentación evidente das explotacións madereiras, forestais e agrogandeiras da Costa da Morte e a conseguinte perda da súa base territorial, incompatible coas axudas da PAC", advirte a Coordinadora, que lembra igualmente que a Comarca de Bergantiños destaca pola súa "posición estratéxica" dentro da producción forestal e madereira de Galicia. "Os seus montes son un piar clave para a descarbonización da economía e cumpren de sobra cos obxectivos climáticos de Quioto", aseguran.

 

A Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra denuncia, xa que logo, a que sería unha "fragmentación territorial e paisaxística sen precedentes na Costa da Morte", "territorio de sacrificio para os gobernos galegos e estatal que en connivencia coas promotoras eólicas inzan muíños a esgalla dentro dun Plan Sectorial Eólico de Galicia caduco e absoleto do ano 1997", prosegue no comunicado. Por iso mesmo, a Coordinadora pide ás Alcaldías afectadas "que se impliquen na tramitación destes parques e aleguen".  Informa igualmente de que o vindeiro sábado, 15 de maio, terá lugar unha nova xornada informativa na praza do concello de Carballo. 

MÁIS CONCENTRACIÓNS

As xuntanzas veciñais espállanse por todo o país. Este mesmo domingo, 9 de maio, a Asociación en defensa da Costa da Morte (ADECOM), xunto con veciñanza de Berdoias, concentráronse no adrio da igrexa desa parroquia, onde recolleron sinaturas para impedir a construción do Parque eólico previsto para Berdoias. Dende a asociación lembran que o prazo para presentar alegacións diante da Xunta de Galicia, "que apreta o acelerador a fondo para sacar canto antes e coa mínima información á veciñanza estes proxectos", se abriu o pasado 26 de abril e se mantén activo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta