Feijóo non descarta pedir o estado de alarma se a pandemia se descontrola e a Xustiza non avala as súas medidas

Sitúa este paso como última opción, insiste en lexislar e reitera o seu rexeitamento a xestionar a pandemia con este tipo de medidas "excepcionais".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/05/2021 | Actualizada ás 15:44

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, admitiu este martes que "tería que valorar" solicitar a declaración do estado de alarma en Galicia se nalgún momento "non se puidese controlar" a pandemia e se as medidas que a Xunta decretase a tal fin non recibisen o aval da Xustiza, como está a suceder noutras autonomías. En todo caso, deu a entender que sería a última opción e que está en contra de xestionar a pandemia con este tipo de medidas "excepcionais".

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia | Fonte: DAVID CABEZÓN - XUNTA DE GALICIA.

Así o trasladou o presidente galego, nunha entrevista en Telecinco, no 'Programa de Ana Rosa', mentres a Xunta agarda o pronunciamento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre as restricións que decidiu manter e que requiren de autorización xudicial ao afectar a dereitos fundamentais.

Na súa intervención, Feijóo volveu cargar contra o Goberno central pola súa "teimosía" en non "ampliar" e adaptar a lei orgánica do ano 86 para a xestión específica da pandemia, e insistiu en que sería necesario para as comunidades contar con ferramentas lexislativas que garantan a seguridade xurídica nas súas decisións.

Con todo, volveu a incidir en que o Executivo que dirixe Pedro Sánchez abocou a "xudicializar" a pandemia, de forma que os tribunais superiores de distintas comunidades avalaron ou non ás restricións dos seus respectivos gobernos ante peticións similares, o que desembocará en recursos ante o Tribunal Supremo (TS).

"NON FOMOS INFORMADOS" DESTA VÍA

Feijóo, para quen o Supremo "non" se pode converter nun "xulgado de garda", salientou que os maxistrados deixaron claro que están para "aplicar" as leis, pero non para "cubrir a súa ausencia".

Preguntado sobre se valoraría pedir que se declare o estado de alarma en Galicia, outra opción que trasladou o Executivo de Sánchez no seu día, o presidente recoñeceu que "tería" que valoralo se, chegado o momento, o require a situación epidemiolóxica e a Xustiza non avala as medidas da comunidade.

Iso si, deu a entender que sería a última opción e que está en desacordo con xestionar unha pandemia que dura xa máis dun ano con medidas "excepcionais" como o estado de alarma e o toque de queda.

De feito, asegurou que o seu Goberno "non foi informado" desta vía --no seu día, cando Sánchez expuxo esta opción, o presidente galego mostrouse contrario a que puidese darse unha situación asimétrica entre comunidades-- e concluíu que lle "sorprende" que "non queira lexislar", pero si sexa partidario de decretar estado de alarma por comunidades, o que tamén "necesita ratificar" nas Cortes.

Feijóo concluíu que "isto non é un tema político ou de discusión parlamentaria", senón "de persoas que se infectan por un virus", que se traduciu en miles de mortos e que creou "a maior desfeita da economía desde a Guerra Civil".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta