Adolfo Domínguez rebaixa a 259 os afectados polo ERE: 204 despedimentos e 55 prexubilacións

Igualmente fíxase unha redución do número de tendas que ían contar con modificación horaria, de forma que se manteñen no seu horario previo á covid.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2021 | Actualizada ás 12:13

Comparte esta noticia

Aldolfo Domínguez rebaixou a 259 os traballadores afectados polo ERE, fronte aos 295 que expuña a empresa inicialmente. Do total, 55 son prexubilacións de maiores de 58 anos, mentres haberá 204 despedimentos: 139 en tendas e 65 en servizos centrais.

Así se recolle no acordo alcanzado entre empresa e sindicatos, a falta de que sexa ratificado e asinado. Igualmente fíxase unha redución do número de tendas que ían contar con modificación horaria, de forma que se manteñen no seu horario previo á covid.

De tal modo, os traballadores afectados por unha extinción forzosa terán unha indemnización de 30 días por ano traballado cun máximo de 18 mensualidades --calculadas sobre o salario bruto, computado sobre os últimos 12 meses traballados--. Aqueles traballadores que conten cunha antigüidade superior aos 25 anos, percibirán unha prima adicional de 3.000 euros.

No caso de traballadores que teñan cumpridos 55 anos ou máis anos, a empresa sufragará o custo do convenio especial coa Seguridade Social, que debe subscribir o traballador, nos termos que fixa a lei.

Así mesmo, para os menores de 58 anos, abrirase un prazo de cinco días naturais para adscrición voluntaria, de forma que a empresa contactará con cada traballador individualmente para informar do mesmo e da data de comezo de prazo.

Segundo as contas presentadas a finais de abril, Adolfo Domínguez rexistrou unhas perdas de 19,3 millóns de euros durante o seu exercicio fiscal 2020-2021 (entre marzo de 2020 e febreiro de 2021), o que supón multiplicar por máis de dous os 'números vermellos' dun ano antes, nunha contorna marcada pola crise sanitaria da covid-19, ao que se suma a solicitude dun crédito ICO e o efecto adverso dos tipos de cambio, fundamentalmente en México.

Adolfo Domínguez. ADOLFO DOMÍNGUEZ
Adolfo Domínguez. ADOLFO DOMÍNGUEZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta