"Ese dialecto no lo entiendo"... A "pandemia" do galego na sanidade pública

A Mesa tramitou 219 queixas por vulneracións de dereitos lingüísticos da cidadanía galega no 2020

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/05/2021 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística tramitou 219 queixas, 20 consultas e 111 parabéns a través das chamadas, correos, e mensaxes recibidos na App da Liña do Galego. Entre estas queixas, destaca a vulneración dos dereitos lingüísticos por parte do SERGAS, especialmente incrementada pola situación de emerxencia sanitaria vivida durante o ano 2020.

Letreiro de Urgencias (Urxencias) sanitarias nun hospital
Letreiro de Urgencias (Urxencias) sanitarias nun hospital | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Citacións para probas PCR só en castelán, exclusión do galego na liña de atención telefónica habilitada para a COVID-19, comunicacións en castelán a pesar de ter habilitadas as comunicación en galego ou emilinar o galego dos protocolos e formación para os profesionais sanitarios son algunhas das queixas máis recorridas que recibiu o Sistema Galego de Saúde por parte das persoas usuarias da Liña do Galego.

"Os protocolos internacionais de garantía do dereito á saúde indican que ésta debe ofrecerse na lingua da persoa usuaria, mesmo no caso de que esa lingua teña escasa ou nula presenza no noso terriotorio", apunta a Mesa nun comunicado. Porén, á vista do informe presentado esta mañá a atención sanitaria segue sen estar dispoñíbel en galego, causando ademais importantes trastornos a quen o solicitar.

OUTRAS QUEIXAS

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Celia Armas, Secretaria xeral da Mesa; e María Muíño, deputada de Lingua da Deputación da Coruña, presentaron esta mañá na Coruña o informe anual da Liña do Galego correspondente ao 2020. Comunicacións, informacións, sinaléctica, atención ao público ou queixas relacionadas con servizos públicos que ofertan empresas privadas en nome da administración autonómica e que exclúen o uso do galego, como servizos bancarios, de comedor ou obras son algúns dos casos máis abondosos recollidos con respecto á Xunta de Galiza.

De feito, a Xunta segue a ser a administración pública que rexistra o maior número de queixas. Tamén son especialmente graves as vulneracións da administración do Estado, que chega a non recoñecer a existencia de máis linguas que o español e imposibilitar así que teses doutorais escritas en galego poidan optar a premios de excelencia con remuneración económica.

"Cómpre visibilizar a realidade", recordou Marcos Maceira, "denunciar quen nos nega a posibilidade de utilizar a nosa lingua no noso propio país, como primeiro paso para reclamar que o dereito a utilizarmos o galego sexa plenamente respectado dándonos sempre esa opción". "Só procuramos que o galego estea tan dipoñíbel, sexa tan audíbel en tan visíbel en Galiza como é o castelán en Madrid", asegurou, "nin máis nin menos".

"Ante a ausencia de accións específicas da administración pública para que o galego estea presente", engadiu Celia Armas, "cómpre unha maior activación da sociedade civil na reposición e normalización da lingua galega". A Secretaria xeral da Mesa recordou que o traballo que desenvolve a Liña do Galego de tratamento, asesoramento, difusión e atención das queixas ten conseguido que se emendaran algúns comportamentos e políticas lingüísticas de empresas e administracións públicas, como a App Radar Covid, os parquímetros da zona ORA do Concello de Vigo, a aprobación da ordenanza de normalización lingüística do Concello da Coruña ou os informes emitidos polo Consello de Europa.

A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, destacou que "queda moito por facer, como evidencia datos como que o 35% do alumnado non ten competencias en galego e 70% fala castelán, o que é indicativo da política que se está desenvolvendo de imposición do castelán en Galiza".

Referiuse tamén ao informe do consello de Europa que "volve incidir no incumprimento dos compromisos adquiridos tanto polo goberno galego como polo goberno do estado para garantir o uso tanto no ámbito da xustiza como no do ensino, onde observa barreiras en todos os niveis educativos como indica que só un 23% dos menores de 15 anos son quen de expresarse na nosa lingua".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta