Piden seis anos de cárcere para o acusado de abusar sexualmente da filla da súa parella

Chegou a ofrecerlle drogas e conducila a un motel, segundo a acusación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2021 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

Un home de Ourense enfronta unha petición de seis anos de cárcere por abusar sexualmente da filla da que por aquel entón era a súa parella, coa que convivía e á que, segundo o Ministerio Público, realizou tocamentos en dúas ocasións. Este home, para o que Fiscalía solicita seis anos de cárcere por dous delitos de abusos sexuais a unha menor, sentará no banco no xuízo que acollerá a Audiencia Provincial de Ourense o vindeiro mércores 19 de maio.

O primeiro dos episodios, segundo recolle o escrito de acusación do Ministerio Público, tivo lugar en abril do ano 2020, cando o procesado pediu á menor que o acompañase ao garaxe coa escusa de realizar unha reparación no coche. Unha vez no vehículo, o home convidou á menor a fumar "un porro de cocaína" que esta rexeitou. Acto seguido, Fiscalía sostén que o home realizou varios tocamentos á moza.

Tres meses despois, en xullo do pasado ano, produciuse o segundo incidente, que terminou coa intervención da Garda Civil, alertada por un coñecido da menor co que contactou a través de Whatsapp. Esa xornada, o acusado convidou á nena a que o acompañase ao coche. Unha vez alí, conduciu ata un motel, onde tiña unha habitación reservada na que volveu realizar tocamentos á menor, chegando mesmo a espila sen o consentimento desta.

A moza conseguiu enviar co seu teléfono móbil unhas mensaxes a un amigo alertando da situación. Este púxose en contacto coa Garda Civil, que atopou ao procesado e á vítima na habitación do motel. Ademais de seis anos de cárcere, Fiscalía tamén pide unha orde de afastamento por un período de oito anos, así como o abono dunha indemnización polos danos causados de 6.000 euros.

Xulgados De Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo
Xulgados De Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta