As residencias galegas volven quedar libres de covid trala alta de 5 usuarios da DomusVi Chantada

Política Social confirma que xa non hai anciáns nin traballadores contaxiados, unha situación que non se daba desde facía un mes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2021 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

As residencias de anciáns de Galicia volveron quedar sen casos activos de covid-19, despois de que nas últimas horas recibisen a alta cinco usuarios do xeriátrico DomusVi de Chantada.

Así o informou a Consellería de Política Social no seu habitual balance con datos da pandemia --que agora xa non emite diariamente, senón só cando hai variacións--, no que confirmou que xa negativizaron os últimos cinco anciáns que se contaxiaron de covid, pero que contaban coa pauta vacunal completa.

Un traballador sanitario totalmente protexido pecha a porta dunha ambulancia tras recoller un ancián da residencia de San Cibrao / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press
Un traballador sanitario totalmente protexido pecha a porta dunha ambulancia tras recoller un ancián da residencia de San Cibrao / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press

Este brote na residencia DomusVi de Chantada rompeu 14 días consecutivos sen casos activos nestes centros de maiores, desde que o 16 de abril se dera de alta ao último traballador infectado. No caso dos usuarios, habería que remontarse máis atrás para os últimos contaxios, vinculados ao brote da residencia Coviastec de Silleda de mediados de marzo.

Durante a terceira onda da pandemia, as residencias galegas rexistraron un pico de 466 usuarios infectados. Isto ocorreu o 24 de xaneiro, un día antes de cumprirse o sete días necesarios desde a administración da segunda dose da vacina para xerar inmunidade, dado que este proceso arrincou de forma xeneralizada nestes centros o 18 de xaneiro.

Desde o día 25, e aínda a pesar dalgúns brotes, as residencias de maiores galegas veñen experimentando un progresivo descenso na cifra de usuarios afectados. Deste xeito, o 27 de xaneiro, un mes despois do inicio da vacinación na Comunidade, eran 445 os usuarios positivos, mentres que o 27 de febreiro a cifra situábase nos 50. O 21 de marzo notificáronse os últimos contaxios en usuarios ata os detectados na DomusVi Chantada, pero agora, a 16 de maio, as residencias galegas volveron a quedar libres de covid.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta