Santiago di adeus á súa estación de autobuses e inaugura a nova intermodal

As obras para demoler a antiga estación comezarán en setembro

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/05/2021 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

A Consellería de Infraestruturas licitou este venres as obras de demolición da actual estación de autobuses de Santiago de Compostela, que será substituída pola nova este sábado, uns traballos que suporán un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

Recreación da pasarela peonil da estación intermodal de Santiago de Compostela
Recreación da pasarela peonil da estación intermodal de Santiago de Compostela | Fonte: Xunta de Galicia.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica a contratación destas obras, que se iniciarán en setembro e desenvolveranse durante un prazo de tres meses, polo que o seu final prevese para finais deste ano ou comezos do próximo. As empresas interesadas teñen agora de prazo ata o 16 de xuño para presentar as súas ofertas.

O obxectivo da intervención é a demolición do edificio principal da estación de autobuses de Santiago, unha vez que queda sen uso ao trasladarse este sábado os servizos á nova terminal intermodal, construída á beira da estación do ferrocarril.

Con esta actuación, a parcela quedará preparada para a construción dun novo edificio administrativo da Xunta de Galicia, cuxo proxecto está en redacción. Os edificios anexos, destinados a oficinas municipais e ao parque de bombeiros, mantéñense.

A superficie construída a demoler son 13.301,40 metros cadrados, distribuídos en tres pisos. Dada a configuración do conxunto, prevese realizar a demolición practicamente na súa totalidade no interior da parcela delimitada.

Así, este sábado, 22 de maio, comezará a funcionar a nova estación de autobuses de Santiago de Compostela, xestionada polo Concello de Santiago a través de Tussa e situada na remodelada rúa Clara Campoamor, formando parte da intermodal da cidade.

Ademais do inicio de actividade como estación, a conexión co centro urbano e coa estación de tren contigua realizarase a través da pasarela transversal elevada, que conecta os edificios e que tamén se abrirá este sábado.

O novo edificio organízase en dúas plantas sobrepostas: na inferior sitúanse a área de dársenas e as vías de circulación e manobra de vehículos, mentres que na superior, o edificio acolle os servizos necesarios para atender aos viaxeiros.

A estación ten un total de 25 dársenas, distribuídas en 19 para transporte interurbano e seis para transporte metropolitano, para acoller as expedicións de 221 chegadas e 224 saídas, de luns a venres laborables, das distintas empresas operadoras de transporte. Na planta principal hai un vestíbulo, área de venda de billetes, información, consignas e, proximamente, servizo de cafetaría e quiosco.

Para facilitar a conexión coa área norte da cidade, informou a Xunta, na contorna da antiga estación habilitaranse paradas de autobuses interurbanos, na zona de San Caetano, en ambos os sentidos da avenida de Rodríguez de Viguri. Na área de San Lázaro, pola súa banda, manteranse as actuais paradas nas contornas da capela e da rúa Clemente Fernández Sarela.

Os servizos que se prestarán con orixe ou destino na nova estación intermodal poderanse consultar desde o sábado nesta páxina web.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta