Verín investirá 100.000 euros en renovar as zonas de xogo infantís

O concello vén de anunciar o comezo da primeira fase do plan de renovación, mantemento e mellora cuxo obxectivo é incrementar a seguridade dos usuarios, fomentar a accesibilidade e rehabilitar o mobiliario danado

Por X.M. Fernández | Verín | 22/05/2021 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Nos traballos para mellorar os parques infantís substituiranse un total de 1.500 m² de chan por caucho continuo e realizaranse os labores de mantemento e reparación de todas as zonas de xogo que así o precisen.

Parque infantil Rúa San Félix. Foto: Prensa Verín.
Parque infantil Rúa San Félix. Foto: Prensa Verín.

Segundo informou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, tras realizar un estudo pormenorizado do máis trinta parques infantís do casco urbano, centros educativos públicos e  pobos do municipio, "poñeremos en marcha unha batería de accións de mellora entre as que se incluirán a substitución dos cauchos amortecedores de caídas que estean desgastados por caucho continuo, a actualización dos xogos infantís danados, así como os labores de mantemento e reparación de todas as zonas de xogo que así o precisen".

Seoane tamén quixo puntualizar que o importe necesario para a realización deste plan de renovación integral supoñerá un investimento total de 100.000 euros. Para este obxectivo levarase a cabo unha modificación de crédito orzamentario.

Pola súa banda, o concelleiro responsable da área de Mocidade, Diego Lourenzo Moura, explicou que con este plan búscase atender, de maneira integral e ordenada, á vixente petición veciñal de actualización das zonas de xogo infantís de competencia municipal. En palabras de Lourenzo Moura: "é de vital importancia dotar a todas as zonas de esparexemento infantil da vila e pedanías dunha mellora integral e equitativa. Debemos lembrar a importancia que teñen estes parques para os nosos menores xa que, ademais de ser espazos de lecer e diversión ao aire libre, compren un papel fundamental no desenvolvemento persoal e social dos nenos e nenas".

MELLORAS TAMÉN PARA ZONAS DEPORTIVAS

Desde o Concello de Verín, tamén se informou que se procederá á adecuación de varias das zonas deportivas exteriores municipais, realizando labores de mantemento do mobiliario deportivo, así como de substitución dos firmes deteriorados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta