As exportacións galegas dispáranse un 61'3% nunha recuperación "sen precedentes"

O Foro Económico destaca como "moi positivos" os datos, que dobran o crecemento da media estatal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2021 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

O Foro Económico destaca que as exportacións galegas "consolidan a súa recuperación" ao peche do primeiro trimestre, pois crecen un 61,3% en marzo en comparación co mesmo mes de 2020. Así figura no Barómetro Exportador de Galicia, que realiza esta entidade, no que observa datos "moi positivos". E é que hai un avance interanual "sen precedentes" debido a que a comparativa se realiza con marzo de 2020, mes de inicio do confinamento.

En relación ao conxunto do Estado, o crecemento das exportacións galegas avanza ao dobre do ritmo do país, onde o aumento é do 29,9%. Esta evolución permite a Galicia situarse a menos de cinco puntos do nivel de exportacións nos doce meses previos á pandemia (marzo de 2019 a febreiro de 2020), mentres que o conxunto do Estado está aínda a máis de nove puntos.

Segundo os autores do informe, José Manuel Sánchez e Isabel Novo, os datos sectoriais tamén convidan o optimismo: por vez primeira desde a pandemia todos os sectores mostran taxas de crecemento interanuais, á vez que avanzan cara aos niveis previos á pandemia --excepto a madeira--. Un mes máis a automoción --cun aumento interanual do 105,7% e cun peso dun 33,5% no conxunto das exportacións-- tira do comercio exterior galego. Un ano despois da pandemia sitúase case un 40% por encima dos niveis previos á covid-19.

O sector téxtil, que ata agora mostraba mes a mes datos negativos, presenta unha taxa de variación interanual do 62,1%, o que constitúe un dos datos positivos máis destacables. A metalurxia experimenta un avance cara a recuperación dos datos prepandemia (+75,5%), incluso o sector dos combustibles rexistra unha melloría, a pesar da situación desfavorable dos anteriores meses.

Actividade na planta viguesa do Grupo PSA. GRUPO PSA - Arquivo
Actividade na planta viguesa do Grupo PSA. GRUPO PSA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta