A visión machista da violencia sobre as mulleres, o 15% dos homes cre que as mulleres provocan as agresións sexuais

Este dato e outros máis aparecen nun informe elaborado pola Secretaría Xeral de Igualdade.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/05/2021 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

En torno ao 15% dos homes en Galicia cre que as mulleres que sufriron algún tipo de agresión sexual ou ben a provocaron ou ben non tiveron o suficiente coidado para evitalo. Ademais, só o 56,9% considera que as mulleres vítimas de violencias sexuais son tratadas de forma inxusta pola sociedade ou a súa veracidade é posta en cuestión cando o denuncian.

Trátase dun dos datos que se extraen dunha enquisa elaborada pola Secretaría Xeral de Igualdade que acompaña ao informe anual sobre violencia de xénero que este xoves debullou a secreteria xeral dese departamento, Susana López Abella, ante a Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego.

O informe sobre o 2020, ano marcado pola pandemia e cuxos datos principais foron avanzados pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, hai dúas semanas durante a entrega do documento no Parlamento, reflicte unha caída no número de denuncias por violencia de xénero que, segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), pasaron das 5.023 de 2019 ás 4.653 de 2020, o que supón unha baixada do 7,3%.

As estatísticas, segundo apuntou López Abella, reflicten unha tendencia ascendente a medida en que o ano foi avanzando. Así, durante o primeiro trimestre foron 1.397, que pasaron a 1.489 no segundo e 1.767 no terceiro. Todo iso nun ano que terminou con tres mulleres asasinadas, dúas na provincia de Lugo e unha en Gondomar. En ningún do tres casos existía orde de protección.

Un aspecto, as medidas de protección comunicadas polos xulgados (cautelares e ordes de protección e afastamento) no que tamén se produciu un descenso, máis aguilloado que nas denuncias, respecto das cifras de 2019 ao pasar das 1.539 ditadas en 2019 ás 1.131 do ano pasado, un 26,5% menos.

Pola súa banda, o servizo telefónico de atención e protección móbil para vítimas de vilencia de xénero, coñecido polas siglas ATENPRO, rexistrou outro descenso, aínda que menos pronunciado, nas atencións levadas a cabo, cunhas 13 menos que en 2019 (630 polas 617 do pasado ano).

O número de beneficiarias de axudas económicas si creceu en 2020. Foron 60 máis que en 2019 ao alcanzarse a 639 mulleres, un incremento que foi máis notable nos apoios de pago único, que dobraron as súas beneficiarias ao pasar de 188 en 2019 a 341.

ATENCIÓN PSICOLÓXICA

Os servizos de atención psicolóxica prestaron atención a un total de 913 vítimas, das cales 625 eran mulleres, 243 menores de idade e 45 persoas dependentes. Neste apartado tamén hai unha diminución, posto que 2019 terminou con 955 vítimas atendidas por estas oficinas.

Pola súa banda, un total de 108 homes solicitaron axuda en 2020 ao amparo do programa 'Abramos o círculo', orientado aos homes con problemas de control da violencia "no ámbito da parella".

Ademais, en 2020 deriváronse 100 casos (52 mulleres, 46 menores e dúas persoas dependentes) aos Centros de Recuperación Integral. Foron 79 máis que en 2019, unha escalada que, como resalta Igualdade, non ten reflexo nos ingresos neste tipo de centros, posto que só houbo sete máis que en 2019 (92 por 85).

400 CHAMADAS MÁIS

Así mesmo, os números de atención telefónica recibiron 400 chamadas máis que o ano anterior (3.336 en total), concentradas fundamentalmente nas provincias da Coruña e Pontevedra, que aglutinaron o 75%. A maior parte destas chamadas foron efectuadas por mulleres. Das 3.336, menos de 300 realizáronas homes.

En canto ás consultas xestionadas polo servizo de asesoramento en liña, este sistema recibiu 47 solicitudes, todas de mulleres. A violencia de xénero representou o asunto da consulta no 34% dos casos, mentres que nun 17% as persoas puxéronse en contacto con este servizo para recibir información sobre leis.

Nos 82 Centros Integrais de Atención á Muller (CIM) de Galicia houbo 13.235 consultas en materia de violencia de xénero, 3.000 máis que as realizadas en 2019, o que para a Xunta "dá boa conta da reputación e a confianza que teñen os galegos nestes centros".

ENQUISA DE VIOLENCIA SEXUAL

O estudo demoscópico que acompaña o balance anual, realizada a través de case 3.900 enquisas no catro provincias, achega datos como que os homes presentan unha maior tendencia a vincular a personalidade do agresor, problemas psicolóxicos, falta de autocontrol ou o abuso de drogas e alcol coas agresións sexuais.

Do outro lado, as mulleres consideran en maior medida que este tipo de violencias teñen como orixe un machismo estrutural na sociedade. No entanto, esta percepción é compartida pola maioría dos enquisados, especialmente entre os máis novos.

E é que o estudo apunta que o 92% das persoas entre 18 e 29 anos cre que o machismo estrutural é o causante das agresións sexuais, unha porcentaxe que cae ao 76,4% no grupo de maiores de 65 anos.

Ademais, os mozos tamén ven deficiencias no nivel de educación sexual e vinculan este feito á existencia deste tipo de accións. Unha percepción que, de igual modo que na consideración sobre o machismo na sociedade, baixa en grupos de maior idade (86% por 69%).

PERCEPCIÓN DAS VÍTIMAS

A enquisa reflicte que a maioría da poboación galega opina que as vítimas de agresións sexuais son tratadas de forma inxusta e que a lexislación actual non as protexe o suficiente. Por ambas as afirmacións decántase máis do 60% dos cuestionados.

Con todo, hai un 12,5% da sociedade que considera que estas mulleres "non tiveron suficiente coidado" ou "en ocasións provocaron ao agresor dalgunha forma". Unha porcentaxe que se eleva se se extraen os datos en homes, que comparten a primeira afirmación nun 16% e a segunda nun 13,2%.

Comisión 5ª do Parlamento de Galicia durante a presentación do informe anual sobre violencia de xénero. PARLAMENTO DE GALICIA
Comisión 5ª do Parlamento de Galicia durante a presentación do informe anual sobre violencia de xénero. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta