Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/11/2013 | Actualizada ás 17:05
O director do Instituto Cervantes, Víctor García de la Concha, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Abad, asinaron hoxe na sé central do Cervantes un protocolo de colaboración para organizar e executar de forma conxunta múltiples actividades no ámbito da lingua e a cultura galegas nos centros do Instituto no exterior.
Para García de la Concha, este acordo non é un convenio marco abstracto que reflicta a boa vontade de colaboración, senón que “concreta que queremos facer”: exposicións, concertos, seminarios e ciclos audiovisuais, entre outras iniciativas que permitirán proxectar no exterior a riqueza e a diversidade cultural de Galicia.
O director do Instituto Cervantes, que falou en castelán e en galego (lingua que coñece ben, xa que na súa infancia e mocidade viviu en Chantada, Lugo), expresou sentirse "particularmente feliz" por este acordo e destacou o “gran patrimonio” que supón para España o ter, ademais do castelán, tres linguas cooficiais, "de cuxa promoción internacional tamén se ocupa o Instituto", comenta a propia institución.
Pola súa banda, Jesús Vázquez asegurou que “este protocolo ímolo encher moi pronto de actividades”, e agradeceu ao Instituto esta oportunidade: “Os galegos somos dobremente ricos por ter dúas linguas e hoxe estádesnos facendo un pouquiño máis ricos” ao permitir o uso dos centros do Cervantes en todo o mundo, dixo.
En virtude do acordo asinado hoxe, o Goberno galego e o Instituto Cervantes planificarán e executarán as actividades de acordo cos intereses estratéxicos da cultura galega nos 44 países nos que está presente o Cervantes, "co que esta institución reforzará a súa contribución á difusión da diversidade lingüística e cultural de España", salienta a nota deste organismo público.
O protocolo de colaboración, que estará en vigor tres anos prorrogables, reforza a colaboración que manteñen a Consellería de Cultura e Educación e o Instituto Cervantes e que se traduciu en iniciativas como o ciclo de conferencias “Rosalía de Castro: Tradición e modernidade”, que tivo lugar o pasado mes de outubro na sé central do Cervantes en Madrid con motivo dos 150 anos da publicación do poemario “Cantares gallegos”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.