A Xunta, no punto de mira por unhas prazas públicas que poderían ser repartidas "a dedo"

CCOO denuncia a suposta intención da Consellería de Medio Rural de escoller aos integrantes do seu novo corpo "de elite" sen aterse aos principios de igualdade de oportunidades.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Volve caer a polémica sobre a Consellería de Medio Rural. Meses despois de que o número un da área, José González, insinuara o cobro de comisións por parte de funcionarios públicos, e semanas máis tarde de que o CSIF o acusara de “colocar” a un ex-alcalde do PP na Agader, Medio Rural volve estar no centro das críticas; que desta vez parten do sindicato CCOO.

O conselleiro do Medio Rural, José González. XOÁN CRESPO
O conselleiro do Medio Rural, José González. XOÁN CRESPO

A actual polémica deu comezo uns días atrás, cando a Xunta de Galicia anunciou a conformación dun grupo “de elite” para dilucidar as causas dos incendios; que, como cada ano, volven rexurdir coincidindo co regreso dos meses de altas temperaturas. O corpo iría polo nome de Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e contaría cun total de 15 prazas.

A denuncia de CCOO estaría centrada, precisamente, en como se reparten eses 15 postos que a Consellería de Medio Rural vén de anunciar. Ou non, xa que, segundo denuncia o sindicato, estas prazas “non son de nova creación”. En calquera caso, dende Comisións amosan suspicacias ante o método de selección deste novo corpo, xa que, segundo subliñan, resultarían asignadas “a dedo”.

O sindicato reitera esta postura xa que, segundo destacan, “non se cumpren os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade que deben rexer na función pública”. “E non nos desdicimos das críticas porque tanto o conselleiro como o director xeral aseguran que serán persoas concretas e de libre elección persoal», insisten desde a organización sindical”, engade Manuel Rodríguez, da Federación de Servizos de CCOO.

O enfrontamento entre Consellería e sindicato vén de subir un chanzo máis logo de que, en palabras da formación vermella, o número un de Medio Rural desestimara a formación como fonte non “seria” nin “acreditada” a respecto desas acusacións de contratos ‘a dedo’. O mesmo descrédito que, segundo o sindicato, se tería replicado no caso do suposto mal estado dalgúns vehículos das unidades de loitas contra incendios, circunstancia desestimada pola Xunta ante a cal CCOO remite ás fotos existentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta