Xunta e universidades colaboran en proxectos de investigación para visibilizar necesidades do noroeste peninsular

Inclúense Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria e as rexións norte e centro de Portugal.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/06/2021 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

A Xunta e institucións educativas da Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos do Suroeste Europeo (Crusoe) traballan en proxectos de investigación para visibilizar necesidades do noroeste peninsular.

Unha muller traballando nun laboratorio.
Unha muller traballando nun laboratorio.

O vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuníronse este xoves co presidente executivo da Secretaría Xeral Técnica da Crusoe, Salustiano Mato, e o seu secretario, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, segundo detallou a Xunta.

Deste xeito, abordáronse as actividades postas en marcha pola Crusoe para visibilizar a nivel europeo as necesidades estratéxicas da Macrorrexión do Suroeste de Europa (Resoe), conformada por Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria e o centro e o norte de Portugal, e os seus intereses comúns.

Ademais, incidiuse na importancia de establecer vínculos para impulsar actividades de investigación e innovación interinstitucional, así como dun traballo conxunto para xerar proxectos colaborativos ou en materia de I+D+i para resolver problemas estratéxicos da macrorrexión.

Así mesmo, a Crusoe busca intensificar programas de intercambio e mobilidade destinados a investigadores, docentes, estudantes e persoal de apoio e servizos entre as institucións que o acorden e en beneficio das entidades da Resoe e as rexións que representan.

A Crusoe é unha asociación de ámbito internacional sen ánimo de lucro conformadas polas universidades de Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria e as rexións norte e centro de Portugal que aspira a redefinir un espazo de colaboración académica e en materia de investigación e innovación para contribuír ao desenvolvemento territorial e a especialización intelixente do Suroeste de Europa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta