III Car Outlet Ourense, un éxito de organización, visitas e vendas

A valoración dos 16 concesionarios oficiais que participaron foi moi positiva e o evento "supuxo a volta á normalidade" do recinto feiral de Expourense.

Por X.M. Fernández | Ourense | 08/06/2021 | Actualizada ás 09:45

Comparte esta noticia

O domingo 6 de xuño pechaba as portas en Expourense a terceira edición do Car Outlet Ourense, cita coorganizada entre en recinto feiral e a Asociación de Automóbiles de Ourense, ACAUTO, e contando coa colaboración de ABANCA.

III Car Outlet de Ourense. Foto: Expourense
III Car Outlet de Ourense. Foto: Expourense

As ofertas presentadas polos 16 concesionarios oficiais, con 22 marcas representadas de coches quilómetro cero, de servizo, seminovos e de segunda man, atraeron a máis 3.300 visitas que colgaron o cartel de “Vendido” en 151 coches. Aínda que son datos lixeiramente inferiores aos da última edición celebra en 2019 (onde se rexistraron 4.900 visitas e 176 vendas), a organización dá por bos estes resultados xa que “dadas as circunstancias actuais, nun contexto de recuperación da pandemia, sendo a primeira feira presencial e cunha fin de semana de tempo moi bo, podemos dicir que o salón cumpriu as expectativas. Os resultados e afluencia que tivo o salón demostran claramente o interese que tuene esta cita para todo o mundo”, indican desde ACAUTO.

3.300 visitas que colgaron o cartel de “Vendido” en 151 coches

A asociación está satisfeita cos resultados obtidos e fai unha observación moi interesante respecto do perfil de visitante que pasou esta pasada fin de semana polo recinto feiral de Expourense. Segundo refiren, a xente que se achegou fíxoo “con clara intención de compra e unha idea bastante definida do que viñan buscar”. O cociente de visitante por venda foi maior que na edición anterior, é dicir, que aínda sendo menor o número de visitantes, as vendas non baixaron en comparación.

A esta cifra de vendas haberá que sumar as que se pechen durante os próximos días a cargo dos “indecisos” durante a súa visita ao salón e tamén as xurdidas de contactos realizados durante a feira. Trátase, por tanto, dunhas cifras positivas nun momento no que as vendas de automóbiles en España levan meses experimentando caídas.

VOLTA Á NORMALIDADE EN EXPOURENSE

Segundo indican fontes de Expourense, "o Car Outlet Ourense supón a volta á normalidade, con feiras presenciais, organizando un evento seguro tomando todas as medidas de prevención necesarias". No horizonte pensan xa noutras feiras relacionadas co mundo do automóbil: a 12ª edición do Salón do Automóbil Novo (1 ao 3 de outubro de 2021) e a do Salón do Automóbil de Ocasión (do 8 ao 11 de outubro de 2021). 

E xa nas portas teñen a 9ª edición de Ourense Vinis Terrae, Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade que se celebrará os días 14 e 15 de xuño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta