Andrés do Barro, o ferrolán que trunfou cun 'hit' producido por Juan Pardo e hoxe volve pasar á historia

O Consello da Cultura Galega anuncia a inclusión do cantautor galego no Álbum de Galicia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2021 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Corrían os anos 70 cando nas radios de toda España soaba a voz dun ferrolán que, por unha vez, cantaba en galego. Andrés do Barro falaba do tren como falara Curros Enríquez cen anos antes, e facíao na lingua de Galicia e cuns acordes maiores que o catapultaron a unhas listaxes de éxitos que, por unha vez, souberon recoñecer en vida o talento e potencia do que remataría por ser un dos grandes mitos da música galega.

Andrés do Barro na portada do disco 'O tren' - Amazon.es
Andrés do Barro na portada do disco 'O tren' - Amazon.es

Cando menos así o consideran dende o CCG, que vén de incluír a esta grande icona do pop folk en galego no seu Álbum de Galicia; ese extenso documento onde se van recollendo as figura que marcaron a cultura galega á hora de retratar idiosincrasia do país e facer avanzar a súa creación artística. “Do Barro foi tamén o gran responsable da xénese do pop en galego. A súa biografía, escrita por Fernando Fernández Rego, acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia”, destacan.

O de Andrés do Barro foi, en palabras do seu biógrafo, “un pop melancólico e atemporal con tinguiduras folk e unha importante dose de saudade”. Hoxe é reivindicado como unha referencia ineludible da música galega, como unha icona pop, reivindicándose tamén a súa modernidade e o seu labor pioneiro na fusión da música popular co pop.

O seu primeiro gran éxito foi «O tren», sinxelo que, curiosamente, fora producido por Juan Pardo co selo discográfico RCA e co que acadou o número un das listas de éxitos en plena ditadura. “Foi unha proeza xa que se converteu na primeira canción en galego en conseguilo”, destacan dende o CCG.

OUTROS GRANDES ÉXITOS

Andrés repetiría en tres ocasións más, con «Corpiño xeitoso», «San Antón» e «Pandeirada», todos eles son composicións propias, letra e música. Acadou un recoñecemento masivo que foi pouco a pouco decaendo tras romper co selo RCA e iniciar unha etapa nova con Belter que queda moi afastada dos éxitos pasados. Trasládase a México, país no que tampouco consegue os resultados que agardaba e regresa a Madrid, onde falece en 1989.

En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. “A idea”, apuntan, pasa por “dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta