Por Galicia Confidencial | Ribeira | 19/11/2013 | Actualizada ás 09:35
O Consello Sectorial de Pesca de Ribeira acaba de censurar a inspección efectuada o pasado 17 de outubro de 2013 a unha embarcación pertencente á flota do sector do cerco deste concello; o buque "Manilo".
Ese día, este barco, con sede en Aguiño, foi sometido a unha inspección pesqueira por parte dos servizos competentes no porto de Laxe. Pero, un procedemento que se debería ter desenvolvido con normalidade converteuse, segundo esta institución, "en material para un espectáculo mediático", ao permitirse a gravación dos labores de inspección con varias cámaras da Televisión de Galicia.
"Non podemos senón manifestar o noso estupor ante o desenvolvemento dun control de xeito tan inadecuado no que, lonxe de obrar coa máis mínima cautela, obrouse con total imprudencia, danando gratuitamente a imaxe e o bo nome da flota de Ribeira e a do cerco en particular", apunta nun comunicado. Desta institución tamén forma o Concello de Ribeira do que é rexidor o popular Manuel Ruíz Rivas.
Por iso, critica o tratamento informativo deste tema ofrecido polo espazo televisivo “Galicia 112” que, na súa emisión do 5 de novembro de 2013, "non só proporcionou unha información a todas luces incompleta sobre o caso, senón que ademais impediu ao armador do buque ofrecer a súa versión e defender os seus dereitos". "Tal foi así que os seus reiterados intentos de dar unha explicación por teléfono foron atallados pola condutora do programa cun 'se vostede quere reclamar calquera cousa está no seu dereito, pero este non é o lugar'”, engade.
Por iso, o Consello Local de Pesca de Ribeira solicitoulle xa á Xunta de Galicia e á Delegación do Goberno en Galicia que se absteñan no futuro de amparar prácticas como as sufridas polo “Manilo”, "nas que a realización de labores de control e inspección pesqueira alimentan espectáculos televisivos co risco de criminalizar a actividade pesqueira". Tamén lle expresou á CRTVG a súa discrepancia co tratamento deste caso "ofrecendo unha información incompleta sobre os feitos".
Coa colaboració do medio colaborador Certo
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.