Avalancha de sinaturas contra o modelo eólico da Xunta: "favorece ás grandes empresas"

A Rede Galega por un Rural Vivo denuncia que o marco legal dos eólicos está "desfasado" e orientado aos intrereses do "oligopolio enerxético".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2021 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

Continúan as mobilizacións contra o actual modelo de implantación eólica da Xunta de Galicia. O rumor de descontento que dende hai meses percorre os círculos ecoloxistas da Comunidade vén de estalar nunha grande mobilización que comeza a congregar as redes veciñais do país; cada vez máis implicadas para evitar a instalación de parques eólicos na proximidade de aldeas e vivendas.

Parque eólico de Naturgy na Pastoriza (Lugo)
Parque eólico de Naturgy na Pastoriza (Lugo) | Fonte: NATURGY

Á parte da cuestión ecoloxista, moitas das alegacións que se desenvolven contra estes proxectos gardan relación coa perda de calidade de vida que aparella contar con estas torres de ata 200 metros de altura a pouca distancia das casas. Redes veciñais como a que opera en Monfero cifran entre un 30% e un 50% a perda de valor que poden sufrir as vivendas nun radio de 10 quilómetros con respecto a estas instalacións.

Por este motivo, cada vez é maior a implicación contra uns proxectos que están a ser contestados por manifestos como o desenvolto pola Rede Galega por un Rural Vivo, e que acumula xa máis de 5.000 sinaturas de apoio. Este texto, dirixido aos principais representantes da Xunta con atribucións na chamada “avalancha eólica”, pretende implantar unha moratoria sobre os proxectos actualmente en marcha co obxectivo de poder desenvolver un estudo máis preciso da súa afectación ambiental.

MARCO LEGAL "DESFASADO"

E é que, segundo apuntan dende a Rede, “o actual modelo de implantación da enerxía eólica en Galiza segue tendo como referencia principal un marco normativo e institucional desfasado de finais dos anos 90”, é dicir, o elaborado polo goberno de Manuel Fraga. A cuestión estaría en que, de acordo coa asociación, esta base legal “favorece ao grande oligopolio enerxético fronte os dereitos das comunidades locais afectadas e o interese colectivo”. 

A normativa pro-empresas veríase “reforzada” polas reformas legais da Xunta de Galicia baixo o mando de Feijóo; en particular pola chamada ‘Lei de Depredación’ desde 2017, que segundo estas fontes “permite axilizar a tramitación e posta en marcha dos novos proxectos eólicos restrinxindo a participación pública e outorgándolle ás empresas dereitos de usurpación das terras”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta