Feijóo, sobre a "marcha atrás" de Sanidade: "O acordo de onte era o que perseguiamos cando nos opuxemos"

O mandatario autonómico afirma que a Xunta seguirá "o mesmo manual" para xestionar a pandemia, con "proporcionalidade" nas medidas

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/06/2021 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, valorou este xoves o cambio de postura do Ministerio de Sanidade, unha "marcha atrás" que supuxo deixar sen efecto as medidas publicadas o pasado sábado no Boletín Oficial do Estado (BOE) con restricións para a hostalaría que abarcaban ata a consecución da inmunidade de grupo.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta de Galicia.

"O acordo de onte era o que perseguiamos cando nos opuxemos", sinalou, en relación ao consenso alcanzado este mércores no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), que contrastou coas severas discrepancias da semana anterior cando saíu adiante con votos en contra un documento de medidas.

Este documento foi recorrido pola Comunidade de Madrid, tras a súa publicación no BOE, ante a Audiencia Nacional, que admitiu a trámite o contencioso-administrativo exposto e suspendeu preventivamente as medidas. Esta situación abriu paso para a negociación, mentres que Galicia xa preparara un recurso de inconstitucionalidade con petición de suspensión para presentar ante o TC de non haber ese consenso.

Feijóo pronunciouse sobre o acordo alcanzado para resaltalo e destacar que "a cogobernanza ten que ser real", un "acordo pacífico e tranquilo", no que se recolle algo "tan elemental" como que as medidas teñen que "ser proporcionais" á situación epidemiolóxica. Neste mesmo sentido pronunciouse en días pasados o Tribunal Supremo nun auto que sentou xurisprudencia para todas as comunidades autónomas.

Respecto diso, Feijóo remarcou que este principio de "proporcionalidade" foi o "manual de xestión interna de Galicia" na xestión da pandemia. O presidente galego defendeu que a Xunta seguirá traballando na mesma liña e con "o mesmo manual", que é o "comité clínico, valoración, consenso co Goberno, rolda de prensa e Diario Oficial de Galicia".

A Xunta reclamaba que as medidas que se acordasen no seo do consello fosen flexibles e revisables cada 15 días, como fai o comité clínico autonómico. Ademais, pediu que as actuacións para o lecer nocturno fosen "recomendacións" e non actuacións de obrigado cumprimento, como finalmente se logrou, de maneira que será a Xunta a que organice esta actividade durante o verán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta