Textos de Descartes, Platón ou preguntas sobre a historia do cinema despiden as probas de selectividade en Galicia

A CIUG quere consolidar o dispositivo máis aló da pandemia e manter os circuítos, o control de accesos e o maior número posible de sedes de exame.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/06/2021 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

As probas de acceso á universidade chegan ao seu fin, polo menos na súa convocatoria ordinaria. Os alumnos afrontaron este xoves a última xornada de exames, a máis acougada e con menor afluencia de aspirantes, e unha das máis diversas ao presentar cuestións e exercicios que abordaban desde a historia do cinema e o audiovisual, a análise artística e fotográfica, á obra de Descartes ou Platón.

Varios estudantes esperan para facer un exame nunha aula da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela
Varios estudantes esperan para facer un exame nunha aula da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina - Europa Press.

O terceiro día de exames arrincaba ás 9,00 horas con 'Bioloxía' e 'Historia da Arte'. Esta última propuña exercicios de definición e análise a partir dunha serie de láminas e imaxes adxuntas á proba, que os alumnos debían identificar e contextualizar.

Tamén se celebraron as probas de 'Física' e 'Xeografía', as máis técnicas da xornada e na que se incluían cuestións como factores termodinámicos, as provincias con paisaxe agraria ou mesmo desenvolvemento de temas de cuestións de actualidade, como a situación da industria na España.

Á mesma hora, 'Cultura Audiovisual II' pedía responder unha serie de exercicios a partir dunha imaxe dunha campaña de solidariedade en Nadal e dunha fotograma da cinta 'A Noite Americana', ademais de definicións e preguntas de desenvolvemento sobre xéneros informativos, as funcións narrativas da música no cinema ou a obra de dous grandes compositores de bandas sonoras.

A xornada de probas concluíu con 'Xeoloxía' e 'Historia da Filosofía', con fragmentos do 'Discurso do Método' de Descartes, o 'Tratado da natureza humana' de Hume, 'Menón' de Platón e 'Sermón 43' de Agustín de Hipona.

A maiores, o formulario contaba con diferentes temas de desenvolvemento a escoller, como os límites do coñecemento de Kant, o liberalismo político de Locke ou a razón vital de Ortega e Gasset.

ÉXITO DO DISPOSITIVO

Este último día de exames bota o peche a unha semana marcada pola normalidade e o cumprimento absoluto das medidas de seguridade por máis de 14.000 persoas entre alumnos e docentes, pero que non estivo exenta do clásico nerviosismo dos momentos previos ás probas, segundo destaca Pedro Armas, presidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia.

"O momento máis crítico", engade, sempre é o arranque do primeiro día e os "nervios" dos mozos por experimentar o ambiente do campus por primeira vez pero que ao pouco tempo xa se converten "en expertos".

Esta convocatoria destacou especialmente polo "aleccionados" que acudiron os aspirantes ás probas e o gran coñecemento do protocolo, tanto no referido a os circuítos de circulación e colocación na aula, dos accesos, ou das medidas de seguridade individual.

"Este segundo ano (de ABAU en pandemia) a loxística está moi rodada do mesmo xeito que os hábitos de precaución contra o virus tamén están moi asimilados", insistiu, polo que "todo iso redunda en que poidan render mellor, en boas condicións" e sacar adiante as probas.

O éxito do dispositivo e do protocolo da convocatoria convenceu á CIUG para tentar consolidar gran parte destas medidas máis aló da pandemia, sobre todo aquelas que teñen que ver cos accesos e a mobilidade nos centros de exame, os circuítos e a disposición do alumnado, ou a celebración das probas en máis comisións delegadas das habituais, que á súa vez lles permite contar con máis vocais e controlar mellor o desenvolvemento das probas.

"Os que participan están moi contentos. Os profesores de ensinos medios apuntáronse masivamente a colaborar e todos saen moi satisfeitos. Temos 'feedback' moi positivo dos representantes dos centros", engadiu Armas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta