Nova campaña contra a "basuraleza"

A iniciativa está aberta a "calquera que estea interesado" a limpar de residuos praias, ríos e parques, entre outros espazos.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/06/2021 | Actualizada ás 19:04

Comparte esta noticia

Galicia súmase á quinta campaña '1M 2 contra a basuraleza', unha iniciativa que contempla para este sábado 63 batidas de limpeza e caracterización de residuos en espazos naturais no país. Esta iniciativa é unha das máis coñecidas do programa Libera --con máis do mil accións programadas por todo o Estado--, creado por SEO/BirdLife e Ecoembes para loitar contra a presenza de residuos na natureza e "sensibilizar á cidadanía sobre este problema ambiental".

Lixo nas praias galegas, estudo do IEO e Asociación Ambiental Ollamar
Lixo nas praias galegas, estudo do IEO e Asociación Ambiental Ollamar | Fonte: IEO.

Así o comunicou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que actúa "como embaixadora" dun programa que apoian desde o 2017. "Tras un ano de parón pola covid-19, aspiramos a mobilizar máis de 600 voluntarios en distintos puntos da comunidade co obxectivo de liberar de 'basuraleza' espazos e contornas naturais de gran valor", explicou o departamento galego.

O proxecto Libera busca, "a través da ciencia cidadá e das sucesivas convocatorias do proxecto, ofrecer unha solución recollendo e caracterizando os residuos co fin de estudar o seu impacto no medio e xerar un cambio nas condutas da cidadanía".

Entre os organizadores, hai administracións locais e provinciais, organizacións sen ánimo de lucro, empresas, comunidades de montes, asociacións e entidades de tipo cultural ou social, e ata familias e grupos de amigos. "Calquera persoa interesada pode anotarse e participar nas accións", subliñou Medio Ambiente.

Toda a información, así como a inscrición nas accións pode atoparse na páxina web oficial de Libera, onde tamén se poden consultar as localizacións. Do total de accións previstas, 32 realizaranse na provincia de Pontevedra, 16 na Coruña, nove en Lugo e seis en Ourense.

A iniciativa ten programadas, entre outras, accións en praias como a de Razo (Carballo), Maniños (Fene), Riazor (A Coruña), Con Negro, Raeiros e Aguieira (O Grove) ou A Lanzada (Sanxenxo); en espazos verdes como o parque da Tolda (Lugo), Monte Galiñeiro (Vigo-Gondomar), Serra da Groba (Baiona) ou o parque de Valgamarín (Becerreá); e na contorna do río Támega (Verín), no paseo fluvial de Oira e na praia fluvial da Antena (Ourense), así como no río Baa (Ares) ou na senda do río Galo (Cuntis).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta