O Concello de Lugo declara nulas unhas oposicións tras un recurso de Fademga

A federación espera que se publique unha nova convocatoria reservada a persoas con discapacidade intelectual.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/06/2021 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

O Concello de Lugo declara a nulidade dunhas oposicións tras un recurso da federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual Fademga, segundo informa este colectivo.

O Recinto da Feira Internacional de Galicia de Silleda (Pontevedra), durante a oposición do Sergas correspondente á categoría de persoal de servizos xerais no apartado de discapacidade intelectual
O Recinto da Feira Internacional de Galicia de Silleda (Pontevedra), durante a oposición do Sergas correspondente á categoría de persoal de servizos xerais no apartado de discapacidade intelectual | Fonte: XUNTA.

En marzo de 2018, a federación interpuxo un recurso de reposición ao Consistorio ante o decreto de decembro de 2017 polo que se convocaba un proceso selectivo por oposición para o acceso a unha praza de axudante de cociña limpeza reservada a persoas con discapacidade intelectual.

Alegaba como causa de impugnación das bases específicas, segundo apunta, a vulneración da reserva legal establecida para este colectivo nas disposicións legais reguladoras do acceso ao emprego público das persoas con discapacidade.

Expuña, en concreto, que este tipo de procesos reservados en exclusiva a persoas con discapacidade intelectual non poden permitir que persoas que non acrediten dita condición poidan participar.

Pese ao recurso, o proceso selectivo continuou e celebrou todas as súas fases ata a proposta como persoal funcionario do Concello de Lugo dun dos participantes.

Agora, despois de que o Consello Consultivo de Galicia emitise un ditame favorable á revisión de oficio das bases específicas do proceso selectivo, a xunta de goberno local do Consistorio acordou estimar o recurso de Fademga e declarar a nulidade de pleno dereito do proceso.

Fademga destaca que esta resolución pon fin á vía administrativa, pero é susceptible de recurso contencioso na xurisdición contencioso administrativa.

Despois disto, o colectivo espera que o Concello publique unha nova convocatoria reservada a persoas con discapacidade intelectual, "nesta ocasión cumprindo os requisitos legais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta