Temas: DVICIO

Berlín, dá moito e pide pouco

Esta chea de historia e historias. Humana, acolledora, vangardista, renovadora, con alma. Unha das capitais do mundo, con prezos máis humanos que a maioría delas… e cunha atmosfera afastada do peso negativo que ás veces cargan ás grandes cidades. Berlín.

Por GC Tendencias | Berlín | 23/11/2013 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

É unha desas cidades ás que poucos chegan en branco. Vímola e vémola a miúdo nos telexornais, apareceu nos nosos libros de historia do instituto, en películas, por acontecementos deportivos… se houbera unha lista das cidades que máis xente coñece no mundo, seguro atoparíamos incluída a Berlín.

Típica paisaxe berlinesa
Típica paisaxe berlinesa | Fonte: Guido Álvarez

Unha das cidades crave para entender a historia do século XX, a capital da maior potencia económica europea do momento, segunda cidade en tamaño e quinta aglomeración urbana da Unión Europea, cunha lista innumerable de museos con nome e sona, e unha universidade (a Humboldt) que acolleu nas súas aulas a cerebros como Einstein, Marx, Schopenhauer, Hegel… impón, ¿non?.

Tendo en conta todos estes datos, calquera que viaxe a Berlín podería ter na cabeza a posibilidade de atoparse unha cidade fascinante, chea de cousas para ver, cun montón de arquivos, bibliotecas, monumentos, símbolos… e non se equivocará. Pero se leva na cabeza outras ideas máis negativas coas que asociamos ás veces as grandes cidades (como ver a xente con presas e prezos elevados) levarase a positiva sorpresa de descubrir que Berlín é diferente.

Visiteina fai un mes. Unha hora antes de marchar, mentres agardaba polo condutor que me levaría de regreso (grazas a unha desas páxinas para compartir viaxes en coche), e coa cabeza cargada de sensacións, metinme nun cibercafé para poder compartir coas amizades (a través de Facebook) un pouco da experiencia da viaxe. Emocionado por todo o visto por alí, destacaba algo que levábame sorprendendo dende a chegada: os prezos.  Unha antiga profesora de Turismo, na Coruña, agregaba posteriormente un comentario: “¡isto vouno contar o luns na clase!”, porque ó parecer xusto a semana anterior estiveran falando sobre como viaxar gratis ou gastando moi pouco.

A cidade dos prezos populares

Tendo en conta que Berlín é unha das cidades con prezos máis populares de Alemaña,  e se lle sumamos as económicas posibilidades para moverse polo país, o presuposto para chegar e desfrutar da cidade pode axustarse moi ben a tódolos petos. Schönes Wochenende Ticket (billete de tren para viaxar 5 persoas, durante fin de semana, por toda Alemaña, usando trens rexionais, por un total de 42 €), hostais e albergues atopados en buscadores de internet, coche compartido (con webs coma blablacar ou carpooling), ou couchsurfing (plataforma para ofrecer sofá a viaxeiros)… son boas axudas, que facilitan.

A porta de Brademburgo, en Berlín
A porta de Brademburgo, en Berlín | Fonte: Guido Álvarez

E a cousa non queda aí, pois non se trata só  de como chegar e como acomodarse na cidade. Tamén é económico e fascinante o modo que se nos ofrece para coñecela. Os chamados “Free tours” (esas visitas guiadas nas que un paga á vontade unha vez remata o percorrido) son montóns, e ben diversos. Hai distintas empresas (por exemplo Sandemans ou alternativeberlin) que ofrecen itinerarios de 3-4 horas para coñecer os lugares clásicos (Berlín e o muro, Postdam, o campo de concentración de Sachsenhausen, o Tercer Reich berlinés…) pero tamén eses lugares alternativos e especiais que fan de Berlín un lugar diferente. Barrios de artistas, paredes graffiteadas, proxectos de arte urbán, lugares abandoados, mercados populares, iniciativas veciñais, skateparks, barrios multiculturais, tendas pintorescas, movida nocturna… todo da man de guías dinámicos e apaixoados por esa cidade que os atrapou.

Currywursts (o fast food berlinés), kebabs, pizzas, tapas, tacos, nuddles, sushi… Case sempre por menos de cinco euros atoparemos comidas rápidas para acompañar os nosos percorridos, cunha variedade de procedencias e culturas que non son máis que un reflexo do que a propia cidade é. Porque máis que a capital dun país é a capital dun universo, o universo de Berlín.

Artigo do colaborador Guido Álvarez.

Un graffii nunha rúa de Berlín
Un graffii nunha rúa de Berlín | Fonte: Guido Álvarez
Temas: DVICIO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta