Visto e prace da Xunta ao proxecto de ADIF para remodelar a estación de tren da Coruña

A proposta de ADIF contou cun informe favorable da Comisión de Patrimonio.

Por E.P. | A Coruña | 19/06/2021 | Actualizada ás 20:12

Comparte esta noticia

O Goberno galego deu o seu visto e prace ao proxecto do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para remodelar a estación de tren da Coruña-San Cristovo, tramitada pola vía de urxencia por consideralo un "proxecto estratéxico" para a cidade.

Estación de tren da Coruña
Estación de tren da Coruña | Fonte: Kai670 - Galipedia.

Así o desvelou este venres o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a través dun comunicado no que explica que a proposta de ADIF contou cun informe favorable da Comisión de Patrimonio, que tamén realizou varias recomendacións para a conservación do edificio histórico protexido da terminal.

E é que a estación de tren actual foi proxectada en 1927 por Antonio Gascue Echevarría e os traballos finalizaron en 1943. A pesar de que viviu varias transformacións, agora precisa unha nova adaptación para a mellora do tráfico ferroviario. Neste contexto, Patrimonio suxire que as obras permitan a correcta lectura do edificio orixinal e preserven os valores históricos do inmoble.

Ademais, entre outros asuntos, este órgano recomenda que as marquesiñas da fachada norte sexan "o máis sinxelas e liviás posibles", igual que a pasarela de acceso que unirá as avenidas de Sardiñeira e do Ferrocarril, que debe procurar "o menor impacto visual".

Gonzalo Trenor destacou que despois deste paso de Patrimonio, dado nun "tempo marca", a Xunta reclama a ADIF "a máxima axilidade administrativa" para incorporar á cidade herculina á intermodalidade e para "facilitar" o investimento de 17,5 millóns de euros que o Goberno galego ten reservados para a nova terminal de autobuses.

O Executivo autonómico quere materializar "canto antes" un investimento conxunto de case 80 millóns de euros, para o que aínda é necesario "superar varios trámites pendentes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta