Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2021 | Actualizada ás 20:53
O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, asegura que "o PP de Ourense está disposto a que a cidade teña un goberno", aínda que "iso xa non depende soamente do PP", despois de que o alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourense), solicitase por carta aos populares que regresen ao executivo local.
"Imos tentar darlle estabilidade á cidade", afirmou Núñez Feijóo a preguntas da prensa en Ourense antes de participar na xunta directiva provincial do PP. A este respecto, remarca que "Ourense está nunha situación manifestamente mellorable, non se pode gobernar a terceira cidade de Galicia con tres concelleiros".
Na súa misiva, o rexedor de DO realizou esta proposta aos populares con varias condicións como que haxa un respaldo ás súas promesas dun centro de intelixencia artificial e a un parque acuático. A isto respondeu o PP de Ourense con outras premisas que pasan por avanzar na PXOM e a defensa do termalismo, entre outros.
Respecto diso, Núñez Feijóo dixo que "as propostas do grupo municipal do PP están aí, están por escrito". "Se somos útiles, se se recupera a estabilidade no goberno, estamos dispostos a falar co tres concelleiros de DO e o alcalde", expón. "Evidentemente, se o alcalde non quere falar ou pensa que isto se pode facer sen a concorrencia do Partido Popular de Galicia, pois iso non sería posible", agrega.
"Pensamos desde o inicio da lexislatura que gobernase a lista máis votada no Concello e na Deputación, pero o PSOE, de forma reiterada e constante, incumpriu esa proposta", recrimina. "De feito, o que pretendía (o PSOE) era gobernar con Jácome no Concello e gobernar con Democracia Ourensá tamén na Deputación", apostila o presidente do PPdeG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.