Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/12/2013 | Actualizada ás 09:30
Leva un mes como líder do PSdeG e Xosé Ramón Besteiro xa está sendo criticado e xa non só polo PPdeG, senón tamén por Compromiso por Galicia (CxG), formación coa que, por outra banda, non mantivo ningún tipo de encontro oficial desde a súa chegada á dirección do Partido Socialista en Galicia.
Así, o secretario Xeral de CxG, Xoán Bascuas, vén de cualificar a Besteiro como “unha expectativa truncada”. Estas declaracións realizáronse despois dun encontro con militantes e simpatizantes en Pontevedra, e onde, preguntado polas primeiras semanas de xestión de José Ramón Gómez Besteiro, o líder galeguista cualificounas como “máis do mesmo”.
Bascuas entende que no PSdeG-PSOE “todo segue igual, ou peor”, xa que as primeiras accións levadas a cabo polo seu Secretario Xeral “responden ás vellas formas de facer política, e non distan tanto das do PP como nos queren facer ver”. Neste sentido, criticou o nomeamento de Méndez Romeu como Portavoz parlamentario “transmitindo á cidadanía unha mensaxe moi negativa, coas vellas caras da política de sempre en Galicia”. Tamén polas “bochornosas” declaracións abrindo a porta á privatización dos hospitais públicos, “ou como lle gusta dicir a el, a externalización da xestión e de certos servizos”.
"Logo colocouse un despacho no Hórreo, non sabemos se porque non se fía do seu grupo parlamentario ou porque non lle chega co que ten no Pino, á vez que quere blindarlle un retiro dourado a Pachi Vázquez colocándoo na Mesa do Parlamento, con chófer incluído”, engadiu o líder de CxG.
Ademais, Bascuas criticou a intención de Feijóo e Besteiro de recortar o Parlamento de Galicia, "reducindo a súa pluralidade e apostando pola consolidación do bipartidismo moi en consonancia cos valores do socialismo”. Finalmente, criticou a Besteiro por "facerlle seguidismo ao PP" por apoiar o canon de Sogama na FEGAMP.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.