Diego Calvo admite que quería que Feijóo marchara a Madrid

Di que está "disposto a seguir" e que, ademais, "lle gustaría" continuar como líder do PP provincial na Coruña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2021 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

Co liderado de Alberto Núñez Feijóo "fóra de toda dúbida" e as próximas eleccións municipais como reto máis inmediato, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, aposta por aproveitar o congreso autonómico que se celebrará en xullo en Pontevedra para "fixarse" e pór a punto "a estrutura" do partido. O obxectivo debe ser que estea "activa e preparada" porque en dous anos tocan as locais.

Así o trasladou nunha entrevista concedida a Europa Press, na que, preguntado polo seu propio futuro político, incidiu en que agora toca centrarse no conclave autonómico. Tras o verán chegará a quenda de renovar as cúpulas provinciais e nese momento, explicou, consultará cos alcaldes e cargos da Coruña.

Pola súa banda, avanzou que está "disposto a seguir" como líder provincial e engadiu que, ademais, gustaríalle". "Pero vai depender de que a xente tamén o vexa así", condicionou, para engadir que, se os seus consideran que é mellor que outra persoa ocupe o posto, tampouco terá problema en "dar un paso ao lado".

O que ten claro é que o "reto máis importante" á vista son as municipais e, no caso da Coruña, cuxos resultados electorais reivindicou, admitiu que o obxectivo é traballar para tentar gañar máis presenza institucional --gobernando en concellos nos que obtiveron moi bo resultado, pero non a maioría absoluta-- e recuperar a Deputación provincial.

Cunha vintena de xestoras na provincia (entre elas no PP da Coruña e Santiago), Calvo explicou que se tratará de que estas direccións deixen de estar nunha situación provisional e, preguntado acerca de se haberá moita renovación nos candidatos locais, incidiu en que será unha cuestión que se aborde cando chegue o momento.

En todo caso, aínda que remiso a falar de nomes, sinalou que el é partidario de que "este verán" os propios aspirantes reflexionen acerca da súa idoneidade e de se é "o mellor" para o partido que repitan ou non. "As oportunidades non son por merecemento, non se trata de merecer senón de conseguir o mellor resultado, a confianza dos veciños. E se hai outra persoa que a ten máis, incorporalo", dixo.

"EU ERA DOS PARTIDARIOS DE QUE FEIJÓO SE FOSE"

Calvo foi o primeiro presidente provincial do PP galego que se significou no apoio á candidatura de Pablo Casado para dirixir o o PP estatal e non só non se arrepinte da súa decisión, senón que está convencido de que o seu xefe de filas "será o próximo presidente de España".

"Tivo que xestionar o partido no momento máis duro de todos, cunha contorna moi desfavorable, pero o tempo é un xuíz implacable que coloca a cada un no seu sitio, aínda que non sempre coa rapidez que nos gustaría", reflexionou, durante a conversación con Europa Press.

Preguntado acerca de se, do mesmo xeito que o seu homólogo en Ourense, Manuel Baltar, pensou en optar a dirixir o partido en Galicia se Feijóo marchaba a Madrid, replicou que "non", que o seu pensamento quedou nunha fase anterior. E é que, cando se abriu esa porta, admite que el era "dos partidarios de que marchara" porque consideraba que unha figura como a do líder de dos Peares axudaría a un PP entón "moi débil" a avanzar máis rápido.

Pero finalmente Feijóo decidiu quedar e abriuse outro escenario, no que reitera a súa satisfacción por apoiar a Casado, quen, ademais, contou con el para a súa executiva. Calvo tampouco quixo falar de se no futuro estará interesado en suceder ao seu actual xefe de filas, a quen ve "coas mesmas ganas que o primeiro día e con máis experiencia", e ao que "animará" a que siga e opte a un quinto mandato á fronte da Xunta. En todo caso, cre que no PPdeG "hai banco". "Temos bos alcaldes e bos conselleiros, non creo que iso estea en cuestión", apuntou, convencido de que non toca abordar a substitución de Feijóo.

Diego Calvo, presidente do PP provincial da Coruña.. PP PROVINCIAL DA CORUÑA
Diego Calvo, presidente do PP provincial da Coruña.. PP PROVINCIAL DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta