Por E.P. | A CORUÑA | 30/06/2021 | Actualizada ás 16:09
O Pazo de Meirás reabre este xoves as súas portas coa visita de por vítimas do franquismo e representantes de colectivos de memoria histórica, para os que o goberno de Sada reservou as primeiras xornadas da apertura de portas dos xardíns do complexo recentemente recuperado de mans dos herdeiros do ditador Francisco Franco.
No últimos catro días, o Concello de Sada recibiu unhas 300 solicitudes para visitar o Pazo de Meirás. Todas elas producíronse tras o anuncio de que o 1 de xullo o pazo abriría as súas portas para facer unha visita de hora e media polos seus xardíns.
O tres primeiros días, as visitas están reservadas para sadenses vítimas do franquismo, familiares de executados, asociacións memorialistas galegas, familiares de Isaac Díaz Pardo e Alexandre Bóveda, persoas destacadas e historiadoras e historiadores.
Represaliados sadenses da ditadura como Amable Carballeira, presos galegos do franquismo como Xan Castro, Xesús Diaz ou Manuel Villares e familiares de destacados loitadores contra a represesión franquista como Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, Camilo Díaz, fillo de Isaac Díaz Pardo ou María Flor Baena, irmá de Humberto Baena Alonso, serán as primeiras persoas que visiten o Pazo de Meirás.
Xunto a eles estarán presentes representantes de asociacións memorialistas como a Asociación para a dignificación das vítimas do fascismo, a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, a ARMH de Marín, a Fundación Alexandre Bóveda, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, a Asemblea Republicana de Vigo Amig@ da República, a CRMHB (Barbanza), o Instituto de Estudos Miñoranos, a Fundación Luís Tilve e a sadense Asociación Irmáns Suárez Picallo.
O día 3 de xullo habra unha visita institucional á que se convidará tamén a todas as persoas que formaron parte das corporacións sadenses desde o ano 2007 ata o momento, tendo en conta que a declaración BIC do 2008 tivo como antecedente, entre outros, un acordo do Pleno da Corporación de agosto do 2007 no que se instaba da Xunta á declaración BIC, que así foi declarado o ano seguinte, no 2008.
APERTURA AO PÚBLICO XERAL
A partir do 4 de xullo, será a quenda do público xeral, que poderán realizar a visita guiada previa reserva, de martes a domingos.
Martes, mércores e xoves polas tardes de 16,00 a 18,00 horas, e de 18,00 a 20,00 horas; venres e sábado todo o día en catro pases: de 10,00 a 12,00 horas, de 12,00 a 14,00 horas, de 16,00 a 18,00 horas e de 18,00 a 20,00 horas. Os domingos o horario será só de mañá, de 10,00 a 12,00 horas e de 12,00 a 14,00 horas.
As visitas realizaranse en grupos de 20 persoas como máximo e deberán reservarse no correo electrónico reservaspazodemeiras@sada.gal ou a través de dous teléfonos habilitados. A través deste sistema confirmaranse data e hora da visita. Os grupos completos deberán facer a reserva por correo electrónico.
Na visita ofrecerase unha explicación xeral achega da orixe e evolución da leira, cos dous momentos importantes, época de Pardo Bazán coa construción das torres e a partir de 1938 como uso de residencia de verán de Franco.
Visitaranse os imafrontes principais das Torres, o Hall, a Capela, a Granxa de Meirás, e o resto do percorrido polos xardíns: a árbore singular (cocotero de Chile), bosque de bambús, paseo dos magnolios, ata chega á casa de Xosefa Portela, acabando a visita no monólito conmemorativo da visita dos Reyes en 1927, para despois ter uns minutos de percorrido libre. O concello recomenda o uso do calzado cómodo para facer a visita e advirten que a ruta non é recomendable para persoas con mobilidade reducida.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.