Por E.P. | Santiago de Compostela | 01/07/2021 | Actualizada ás 10:52
O sindicato CC.OO. de Galicia lamentou que a "falta de xenerosidade política" impedise pechar grandes acordos na comisión posta en marcha no Parlamento de Galicia para abordar a reactivación, un órgano que acusa á Xunta de converter "nunha pantomima".
Nun comunicado remitido aos medios, a secretaria xeral do sindicato, Amelia Pérez, cualifica este feito de "oportunidade perdida" para Galicia e lembra que o momento actual "require consensos amplos, non confrontación".
A creación deste órgano parlamentario, conforme lembra o sindicato, foi a primeira decisión tomada polo Parlamento xurdido das últimas eleccións autonómicas. Así, desenvolveu o seu labor durante dez meses, nos que interviñeron case medio centenar de relatores. Ademais, rexistráronse case un milleiro de propostas e presentáronse máis de 150 informes.
Con todo, a secretaria xeral do CC.OO. considerou que o Partido Popular converteu a comisión "nun trámite" co obxectivo de "vestir doutra forma a folla de ruta preestablecida pola Xunta, marcada polos orzamentos autonómicos de 2021, que tampouco naceron do consenso".
Amelia Pérez reprocha que o partido que goberna Galicia utilizase a "apisoadora da maioría absoluta" para impor as súas teses en lugar de buscar o acordo. "Faltou altura de miras e sentido de país", asegurou.
PROPOSTAS DE CC.OO.
O sindicato lembra que foi unha das organizacións sociais que interveu nesta comisión para presentar propostas "ambiciosas e necesarias para Galicia".
Entre outras cuestións, as iniciativas achegadas por CC.OO., segundo sinala, buscaban a reindustrialziación --especialmente nas comarcas máis afectadas polos procesos de transición ecolóxica--, un cambio de modelo produtivo, o reforzo dos servizos públicos, o deseño dunha estratexia integral para crear emprego de calidade no rural, así como mellorar a formación profesional e a formación para o emprego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.