O xerente da área de Ourense, ante o incremento de casos, e pide "un correcto uso das liberdades"

Non se mostrou preocupado pola apertura do lecer nocturno: "son as medidas non responsables as que preocupan, non as aperturas responsables".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2021 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

O xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial, alertou do incremento dos casos por covid-19 e pediu un "correcto uso das liberdades". Este xoves, Rubial trasladou que a área sanitaria de Ourense está a rozar os 200 casos activos, algo "que non se producía desde hai varias semanas". En concreto, durante a xornada de onte o incremento foi de 43 casos.

Así, alertou que o perfil dos novos contaxios é de persoas "moi novas" a través das cales "están a empezar a producirse casos secundarios en contornas familiares ou de lecer". "Os casos derivados dos primarios son os que nos preocupan", expuxo o xerente.

Neste sentido, fixo fincapé en que a situación da vacinación en Ourense "atópase moi avanzada sendo unha das máis avanzadas de toda España", con case ao 60% de persoas coa pauta de inmunización completa. No entanto, puxo o foco na porcentaxe de poboación que aínda está sen vacinar. "É relevante, non temos inmunidade de grupo e por tanto a transmisión do virus pódenos dar sorpresas", alertou.

Con todo, destacou que o incremento non se aprecia no número de casos atendidos ou na hospitalización onde hai 6 ingresados.

Félix Rubial manifestou que "a clave" está nos próximos días durante os cales "se verá" se se seguen reproducindo estes casos ou "se somos capaces de parar a transmisión dalgunha maneira".

Por iso fai un chamamento á responsabilidade individual "porque o coidado individual é coidado social". Así lembrou que "o virus segue aquí e que hai que seguir mantendo as medidas".

MENORES DE 30 ANOS

O xerente da área sanitaria matizou que o 50% dos casos da área son menores de 30 anos e o 70% menores de 40. Unhas cifras que, en principio, en canto a asistencia sanitaria, "ten unha incidencia reducida porque son persoas sas", pero advertiu que ninguén é susceptible de non empeorar.

Deste xeito, incidiu en que a maior preocupación está na transmisión secundaria nas contornas domésticas e sociais das persoas novas que afecten a persoas de maior idade ou vulnerables coa pauta sen completar. "Non podemos deixar de bracear cando está a costa á beira", destacou Rubial quen esixe "as mesmas medidas, a mesma prudencia e a mesma colaboración social".

O xerente da área sanitaria non se mostrou preocupado coa novidade da apertura do lecer nocturno. "Son as medidas non responsables as que preocupan, non as aperturas responsables, como as maioritarias pola hostalaría. O problema é o uso irresponsable da recentemente recuperada liberdade", aseverou, antes de apelar á responsabilidade "a título individual".

"Creo que a poboación é maioritariamente responsable pero hai un grgrupo de persoas que nos está xerando unha situación que non queremos volver sufrir. Hai que gozar con sentidiño", sentenciou.

Félix Rubial no CHUO
Félix Rubial no CHUO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta