De accidente, nada...

Vémonos de novo por aquí, co verán xa en marcha e un montón de cousas bulindo no eido do de todos, do colectivo, do que nos importa nestas liñas... Un feixe de asuntos que copan a actualidade, moitos deles de forma efémera. Outros non, e están aquí para quedarse con nós. E algúns, entre tanto barullo, son os verdadeiramente importantes...

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 06/07/2021

Comparte esta noticia
Entre os máis críticos, aqueles que determinarán as nosas opcións reais de saír adiante - por enriba doutras cuestións só froito dunha determinada regulación ou dos modos ao uso na política ou na sociedade - está o estado da crise sanitaria que nos está tocando vivir. Un tema central, xa non polo sufrimento e morte que produciu xa en moitas persoas, e pola súa capacidade de ir a máis, senón porque supón unha ameaza real para a humanidade. Os virus e a súa capacidade de infección  non deben ser tomados de broma. Poden, verdadeiramente, complicarnos a vida. Ou quitárnola.
 
É por iso que creo que este é un bo momento para ser contundente e non permitir as saídas de ton que, por persoas interesadas, estanse a producir estes días. Miren, eu sei que este é un país no que o turismo e o ocio, en conxunto, representan unha parte moi importante dos seus ingresos, e que son moitas as familias para as que un peche neste eido pode supor un dano terrible. Xa o temos falado, e entendemos que o Estado ten que facer todo o posible para paliar os efectos das medidas que haxa que tomar, con axudas directas e un traballo áxil e orientado a resultados reais. Pero, por enriba de todo, está a preservación da saúde. A de todas e todos. Sen dúbida.
 
Tamén entendo que a rapazada e a sociedade en xeral están cansas xa de esta situación adversa. Pero... e que? Por moi cansos ou non que esteamos, se non facemos as cousas de forma correcta, teremos máis do mesmo. Estaremos peor, e durante moito máis tempo. É que unha cousa son os desexos e outra, bastante máis complexa, a realidade.
 
Por iso é intolerable que se estea a falar de accidentes, de despistes ou de mala sorte no tocante ao empeoramento das condicións da pandemia aquí, despois de que centos de mozos e mozas foran estes días pasados a toca-lo zoco a Mallorca, espallando a infección de forma grave e provocando o que xa se está a considerar como a quinta ola da pandemia no país. A ver agora que facemos.
 
De accidente nada, meniños. Foi unha absoluta irresponsabilidade, malia que algún pai se ofenda agora cando se lle di á cara. Foi unha tolemia, e non ten outro nome. Non podemos xustificar o inxustificable. Foi tristemente grave. Porque o voso ocio ou as vosas teimas non poden comprometer os esforzos e a saúde de toda unha sociedade, despois de todos o que levamos pasado neste ano e medio.
 
Mirando ao mar, doen especialmente os feitos porque vimos dun curso académico no que os docentes estivemos aí, dando a cara ante un panorama en principio incerto. Ben é verdade que, nese eido, os rapaces e rapazas souberon comportarse, e os resultados bastante bos están aí para demostralo. Pero... que é o de agora? E, sobre todo, por parte de quen? Que algúns institutos galegos teñan saltado aos titulares entendo que é cousa dos rapaces que neles estudaron, pero nunca dos equipos directivos ou dos docentes. De rapaces e rapazas trabucados, de operadores que, por vender, non teñen tino e de pais e nais que fixeron posible unha verdadeira barbaridade. Ou non foi así?
 
Miren, eu coñecín moi de primeira man a un grupo de rapaces e rapazas dunha pequena vila mariñeira galega, que tamén terminaron este ano o Segundo de Bacharelato. Terían gañas, como os que máis, de pasar uns días de viaxe cos seus compañeiros descansando e celebrando o final desa etapa. Pero lles aseguro que a ningún deles ou delas se lle pasou pola cabeza sequera falar diso. Nin, por suposto, aos seus pais. E menos aos docentes ou á dirección do centro. Non toca, home. Non toca. E pretender o contrario é poñer en risco a todos e, se as cousas non veñen ben dadas, xerar un impacto de consecuencias, cando menos, incertas.
 
O final de historia xa o saben. Non foron ben as cousas, non. E agora hai que ir ao rescate de quen non soubo comportarse. E, aínda, hai que escoitar a algunhas das familias falando de que foi un accidente, que a calquera lle podía pasar ou outras cousas parecidas. Están de broma, ou que? Pois vaia graza tan pouco afortunada. Non. Os que fixeron as cousas mal merecen que se lles afee a conduta, polo menos. Porque penso que as responsabilidades hai que asumilas e neste asunto, sen dúbida, hai responsabilidades e responsables. Aínda que vivamos no país no que as malas prácticas, o desprezo ao de todos ou “o fago porque me peta” saen moitas veces de balde. Unha peniña vivir nesta sociedade tan irresponsable e pouco madura.
 
jl_quintela_j@telefonica.net

Un policía nacional fai garda fronte ao hotel Palma Bellver, onde estaban confinados 249 mozos que tiveron relación directa ou indirecta co gromo dunha viaxe de estudos a Mallorca
Un policía nacional fai garda fronte ao hotel Palma Bellver, onde estaban confinados 249 mozos que tiveron relación directa ou indirecta co gromo dunha viaxe de estudos a Mallorca | Fonte: Isaac Buj - Europa Press.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.