Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2021 | Actualizada ás 18:50
A creación da universidade privada que promove a entidade financeira Abanca a través da súa obra social superará a próxima semana o último trámite lexislativo coa aprobación do texto normativo que permitirá o desenvolvemento e implantación dun modelo que está previsto que bote a andar no curso 2022/23.
Será, segundo expuxo en rolda de prensa este luns o portavoz do PPdeG, Pedro Puy, nunha sesión plenaria "longa" na que, ademais deste texto normativo, estarán a debate outras dúas leis que, previsiblemente, tamén sairán adiante grazas ao apoio do grupo maioritorio.
Trátase de dúas leis promovidas polo BNG en materia de igualdade: o recoñecemento desde o marco normativo galego da violencia vicaria e a articulación de medidas para favorecer a igualdade entre investigadoras e os seus colegas homes.
Ambos os textos serán aprobados, como xa ocorreu na súa admisión a trámite, co apoio unánime da Cámara autonómica, un aspecto que foi valorado polo portavoz do grupo maioritario e que dá sustento ao Executivo galego.
Antes, o Pazo do Hórreo dará o visto e prace á lei que permitirá a creación da primeira universidade privada de Galicia, o que, en palabras de Puy, "vai permitir ampliar a oferta formativa existente" na Comunidade galega.
Todo iso nun pleno no que tamén estará a debate para a súa aprobación o ditame da comisión de reactivación e no que a valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño, presentará ante o hemeciclo a memoria anual da institución que encabeza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.