Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2021 | Actualizada ás 21:30
Primeiro foron as montañas, despois poderían vir as praias. A explosión da chamada “avalancha eólica” en Galicia vén de levantar múltiples mostras de rexeitamento contra a instalación de aeroxeradores nas proximidades de vivendas e espazos protexidos. Porén, unha segunda veta deste proceso ameaza a contorna galega, segundo destacan dende o ecoloxismo: a eólica mariña.
O desenvolvemento da eólica mariña, non tan acelerado polo momento como a terrestre, podería deixar desfigurados asemade algúns dos puntos máis recoñecibles da costa galega. Canto menos esa é a conclusión que se destila da petición que Ecoloxistas en Acción vén de dirixir ao MITECO para que impida a instalación de liñas de evacuación de enerxía nas praias de Galicia.
A priori, a eólica mariña podería perfilarse como unha alternativa de menor impacto visual que a súa irmá terrestre: os muíños sitúanse no propio mar, en moitos casos a varios quilómetros da costa máis próxima. O problema está en que, para levar a terra esa electricidade, precísase construír unha liña de evacuación, que en dous casos recentemente denunciados por Ecoloxistas en Acción afectarían a praias da Mariña lucense.
En particular, apuntan dende a plataforma, trátase dos proxectos do Parque Eólico Mariño San Brandán e de San Cibrao, ambos de Iberdrola; que poderían afectar ás praias de Esteiro, Portocelo, e a Limosa. Todo mentres, destacan as mesmas fontes, na contorna hai zonas industriais xa “degradadas” a nivel ambiental, como “instalacións portuarias, embarcadeiros ou polígonos industriais”. Ecoloxistas en Acción demanda ao Ministerio para Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que “rexeite” os proxectos de eólica mariña que carrexen afectar a estas praias, xa que implican “un gran impacto ambiental”.
"A 300 METROS DAS CASAS"
O caso da eólica mariña suma un capítulo de tensión máis ao enfrontamento que, dende hai meses, mantén en vilo a boa parte do movemento ecoloxista e veciñal de Galicia. As últimas mobilizacións veñen de ter lugar na localidade de Anca, do concello de Neda, onde os veciños se manifestaron recentemente contra a instalación de eólicos a poucos metros das súas casas.
En particular, un habitante desta localidade critica a instalación dunha destas torres de aeroxeración “a menos de 300 metros” da casa dun familiar, cando a lei, sostén, obriga a unha distancia mínima de 500 metros “xa só por motivos de saúde”. “Outras 20 vivendas están na mesma situación”, apuntan, antes de engadir que pretenden continuar coas mobilizacións ata que caia o proxecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.