A Xunta "impediu" limpar os sendeiros do Pindo nos que rematou ferida unha persoa

A asociación Monte Pindo Parque Natural denuncia o estado de "abandono" destes roteiros despois de varios extravíos nas últimas xornadas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O Monte Pindo volve estar de actualidade e, desta vez, non se trata dunha denuncia vencellada á “avalancha eólica”, como aconteceu semanas atrás. A plataforma que vela pola conservación da zona, Monte Pindo Parque Natural, vén de dar un toque de atención á Xunta e o Concello de Carnota polo suposto mal estado dos camiños que cruzan o monte; unha circunstancia que vencellan ao último extravío acontecido nestes sendeiros. 

Monte Pindo, en Carnota
Monte Pindo, en Carnota | Fonte: wikipedia

 

A plataforma apunta á recente nova dunha parella que rematou perdida no monte, sen que este extravío tivera consecuencias maiores pola “áxil” intervención dos medos de rescate. Acontece que, segundo apuntan dende a asociación, non se trata dun caso illado: “Dous días antes perdéranse outras 8 persoas, un incidente que nese caso lamentabelmente acabou con feridos”, sosteñen.

 

A asociación apunta á Xunta e o Concello de Carnota como responsables da escasa limpeza da zona. “É evidente que non é casualidade”, aseguran. “Levamos meses recibindo queixas e alertando do actual estado de abandono dos camiños do Monte Pindo”, apuntan, antes de engadir: “A falta de limpeza e atención institucional convérteos a día de hoxe en camiños practicamente impracticábeis e mesmo con risco de acabar pechados de maleza nalgún tramo, o que pode converter unha normalmente agradábel visita ao Monte Pindo nun auténtico pesadelo, por mor do risco de extravíos, lesións ou quen sabe se algo peor”.

 

 

"NIN FAN NIN DEIXAN FACER"

 

Por esta razón, destacan que tanto o Concello de Carnota como a Xunta de Galicia deben “deixar de apelar ao heroísmo e seguir confiando a sorte destes episodios á eficacia e axilidade dos medios de rescate”. Por iso piden que “se solvente o problema” do mal estado destes camiños, xa que “do contrario antes ou despois vaise acabar producindo unha desgraza que todos e todas acabaremos lamentando”.

 

Dende a asociación lembran que en 2013 eles mesmos tentaron desenvolver unha limpeza dos vieiros situados no punto coñecido como Olimpo Celta. Porén, sosteñen, as administracións vetaron entón as súas accións de voluntariado e limpeza; razón pola cal a asociación do Monte sostén que “nin fan nin deixar facer”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta