O aforro nos fogares galegos durante 2020 foi de máis de 130 millóns polas reducións no Imposto de Sucesións

Máis de corenta mil familias beneficiáronse desta suspensión para a presentación de impostos. A maiores, o ano pasado realizáronse 2.003 adiamentos de impostos por importe de 12,9 millóns de euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2021 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

Os fogares galegos aforraron o ano pasado 136 millóns de euros --25 máis que en 2019-- "grazas ás baixas fiscais aprobadas pola Xunta de Galicia no Imposto sobre Sucesións e Doazóns e no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados ( ITP- AXD)".

A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) publicou este venres o seu informe xeral de actividade de 2020. O ano pasado, a Atriga tivo uns ingresos de 540,5 millóns de euros, un 9,1% menos que no 2019 debido, principalmente, ás rebaixas fiscais aplicadas no 2020, ás alteracións nos prazos tributarios ou para os efectos da pandemia sobre a actividade económica.

Tal e como informou a Consellería de Facenda e Administración Pública, a Xunta decidiu suspender entre o 14 de marzo e o 1 de novembro de 2020 os prazos para a presentación das autoliquidacións do ITP- AXD; de Sucesións e Doazóns, e os tributos do xogo "co fin de proporcionar á cidadanía facilidades para cumprir cos seus deberes tributarios", unha medida da que se beneficiaron un de cada cinco contribuíntes, segundo datos do departamento do Goberno galego.

En total, 43.125 familias beneficiáronse desta suspensión para a presentación de impostos. A maiores, o organismo autonómico concedeu o ano pasado 2.003 adiamentos de impostos por importe de 12,9 millóns de euros.

AUTOLIQUIDACIÓNS CORRECTAS

O informe de actividade ratificou ademais, que no 2020 o 96% das autoliquidacións revisadas pola Administración galega foron correctas e non precisaron modificacións, e só no 4% dos casos a Atriga modificou a autoliquidación presentada. Este indicador é superior ao do anterior exercicio -o 94,2% de autoliquidacións correctas-, polo que se confirma que a inmensa maioría dos contribuíntes en Galicia pagan correctamente os seus impostos.

A directora da Atriga, María Vitoria González. XUNTA - Arquivo
A directora da Atriga, María Vitoria González. XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta