Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/12/2013 | Actualizada ás 09:00
192.170 millóns de euros. Ese é o prezo total no que a Xunta tasa todo o mobiliario, o contido industrial e os obxectos artísticos que atesoura a Cidade da Cultura (CdC). Case 200 millóns menos do que custou a súa construción.
Esa é a cantidade, cando menos, que a Fundación Cidade da Cultura cre que debe de cubrir un seguro. E, por iso, acaba de sacar a concurso a contratación das pólizas de seguros de riscos patrimoniais dos bens mobles e inmobles de responsabilidade civil de todos os edificios do Gaiás.
Deses case 200 millóns de euros de valor da CdC, só cinco son de "obxectos artísticos" entre as que se contan "coleccións, libros, cadros e obxectos artísticos situados en na Biblioteca e Arquivo de Galicia, CECG, CINC ou Museo Centro Gaiás. O resto son de mobiliario e contido industrial; é dicir, do valor dos propios edificios.
Así, as Torres Hedjuk están valoradas en 995.487,39, o edificio dos servizos xerais en 14,496 millóns, a biblioteca e Arquivo de Galicia é de 44,045 millóns, o Centro de Emprendemento Creativo de Galicia e edificio de instalacións é de 34,562 millóns, o do Museo Centro Gaiás é de 61,023, o Centro de Innovación Cultural e Modernización Tecnolóxica de Galicia é de 26,367 millóns e o do Centro de Proceso de Datos Integral é de 5,207 millóns.
Nos pregos de condicións de contratación do seguro tamén se describen as características de cada edificio. Así, das Torres Hedjuk se apunta que "son construción metálica que lles da forma, unha delas revístese exteriormente con pedra mentres que a outra faino en vidro. Nelas sitúanse os condutos de ventilación da Central Térmica sobre as que se ubican. Dispoñen dunha superficie útil de 346 m2".
Do edificio de Servizos Xerais dise que está constituído por: "Central Térmica: Construción anexa á Galería de Servizos construída en formigón armado e con unha superficie útil de 4.070 m2, na que se sitúa a Sala de caldeiras e instalacións complementarias á mesma e a Galería de Servizos: Trátase dun túnel (caixón enterrado) con estrutura, cerramentos e cuberta de formigón armado. A súa finalidade é comunicar o espazo exterior e os edificios de instalacións cos de uso lúdico e cultural e dispón de unha superficie útil de 6.491 m2".
Sobre a Biblioteca e Arquivo de Galicia o documento recolle que é unha "estrutura de formigón armado e fachadas acristaladas e placas de pedra natural. O edificio inclúe un Aparcadoiro cuberto, construído con estrutura de formigón e fachadas en pedra natural. O edificio de Biblioteca e Arquivo consta de seis andares, distribuídos no Nivel 1: 866 m2 útiles: locais técnicos, carga e descarga; Nivel 2: 4.289 m2 útiles: recepción, catalogación, reprografía, oficinas, procesado, comunicación subterránea co Arquivo de Galicia, sala de lectura para investigación, sala multimedia, depósito de libros, almacenes e instalacións; Nivel 3: 4.720 m2 útiles: acceso principal, zonas comerciais, información, gardarroupa, zona de exposicións, depósito, aulas, auditorio e sala de lectura; Nivel 4: 2.785 m2 útiles: sala de lectura, administración e xestión, depósito; Nivel 5: 1.777 m2 útiles: depósito e instalacións e Nivel 6: 1.265 m2 útiles: depósito.
sobre o Centro de Emprendemento Creativo de Galicia e o Centro de Emprendemento Creativo de Galicia sinálase que está "situado nun edificio contiguo ao da BAG. A súa misión é a de recibir, custodiar e poñer a disposición dos cidadáns todos aqueles documentos públicos ou privados en calquera tipo de formato (papel, vídeo, fotografía, audio...) que, polo seu valor, necesiten ser conservados. Consta de catro andares; Nivel 1: 68 m2 útiles: locais técnicos, comunicación coa área de carga e descarga; Nivel 2: 4.739 m2 útiles: recepción, catalogación, reprografía e dixitalización, oficinas, comunicación subterránea coa Biblioteca, sala de lectura, centro de investigación, centro de xestión de instalacións e depósito principal; Nivel 3: 3.484 m2 útiles: acceso principal, zonas comerciais e de instalacións, información, gardarroupa e zona de exposicións e o Nivel 4: 193 m2 útiles.
O Centro leva anexo o Edificio de Instalacións, no que se sitúa a Central de frío, Centrais hídricas (xeral e contra incendios), Control centralizado de seguridade, Control centralizado de instalacións xerais eRepartidor principal de telecomunicacións do complexo.
Sobre o Museo Centro Gaiás dise que conta cunha fachada de case 43 metros de altura. A súa estrutura é de formigón armado con fachadas acristaladas e placas de pedra natural. Consta de 7 andares, distribuídos da seguinte forma: Nivel 1: 3.869 m2 útiles: locais técnicos, almacenes, talleres, carga e descarga e instalacións. Nivel 2 : 5.193 m2 útiles: exposicións temporais, servizos do museo, seguridade, conservación e almacens. Nivel 3: 3.349 m2 útiles: acceso principal, información, gardarroupa, exposicións temporais, seminarios, aula e zonas comerciais; Nivel 4: 2.348 m2 útiles: servizos de administración e xestión. Zona expositiva; Nivel 5: 1.513 m2 útiles: zona expositiva; Nivel 6: 1.215 m2 útiles: zona expositiva e Nivel 7: 40 m2 útiles: instalacións.
Pola súa banda, o Centro de Innoación Cultural e Modernización Tecnolóxica de Galicia "acollerá os departamento de xestión e loxística da Cidade da Cultura de Galicia e outros usos fundamentalmente administrativos e de servizos comúns". O edificio consta de sete andares que albergarán oficinas, unha cafetería para o persoal, dúas salas polivalentes e un salón de usos múltiples, para a realización de eventos. Así o Nivel 1: 570 m2 útiles: cargadoiros, central de seguridade e instalacións; Nivel 2: 283 m2 útiles: oficinas; Nivel 3: 2.383 m2 útiles: acceso de público, salas de conferencias, tendacafetería, gardarroupa e instalacións; Nivel 4: 1.0351 m2 útiles:oficinas; Nivel 5: 1.351 m2 útiles: acceso norte, salón polivalente, servizo e circulacións xerais; Nivel 6: 870 m2 útiles: administración e servizos ao edificio; Nivel 7: 361 m2 útiles: oficinas.
Sobre a Urbanización sinálase que "está constituída polas infraestruturas comúns de saneamento, abastecimento de auga, gas e electricidade, conexión de telecomunicacións e viais principais de acceso (que inclúen beirarrúas, iluminación e moblaxe), e en xeral os espazos exteriores postos en funcionamento ao público e recibidos pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
Finalmente, do Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta recóllese que consta de dous andares que albergarán o Centro de Proceso de Datos e instalacións anexas. Ten dous niveis útiles; un de 1.275 m2 útiles con salas de repartidores e instalacións, e outro de 137 m2 útiles de instalacións. "Ademais, daranse por incluídas todas aquelas instalacións e servizos xerais recibidos pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que non sexan relacionados de forma particular, e que pertenzan a calquera das situacións de risco descritas anteriormente", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.