Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2021 | Actualizada ás 18:35
A secretaria nacional de CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, pediu "menos manipulación" a UGT e CC.OO. tras as críticas vertidas por estes dous sindicatos á sentenza que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu o pasado 14 de xullo e que anulaba o sistema de carreira profesional establecido para o persoal funcionario e laboral da Xunta.
No fallo, os maxistrados estimaron parcialmente un recurso da CIG contra o acordo asinado en xaneiro de 2019 entre a Administración autonómica e CC.OO. e UGT, por entender que establece "unha diferenza non xustificada" para os empregados interinos e temporais.
Neste contexto, a responsable de CIG-Autonómica compareceu este martes en rolda de prensa para celebrar a sentenza e criticar ás outras dúas organizacións por pretender culpabilizalos "de pouco menos que das dez infestas de Exipto", ironizou Burgos.
Así, a sindicalista subliñou que desde o momento no que se negociou o acordo, que non establecía un sistema universal, a CIG xa advertira que, "ademais de ser ética e sindicalmente reprobable, era contrario ao principio de igualdade e vulneraba o ordenamento xurídico do Estado español e do dereito europeo".
Ademais, Burgos lembrou que a súa organización xa conseguira outra sentenza en marzo contra a orde do sistema extraordinario de carreira para estendela a todo o persoal interino e temporal.
Pola súa banda, o secretario de Orzanización de CIG-Autonómica, Roberto Varela, lembrou que, á parte das demandas promovidas por esta central, hai "unha chea" de recursos individuais de traballadores, algunha delas "con resolución xa firme" por parte do Tribunal Supremo, que "nin sequera admitiu a trámite" o recurso de casación da Xunta.
"Isto supón que a Xunta ten que pagar os custos de cada proceso, que nalgúns casos chegan ata os 2.000 euros. Non se entende que o Goberno galego continúe negándose a abrir a carreira profesional a todo o persoal mentres asume estes gastos sabendo que os termos do acordo son ilegais", valorou Varela.
DESMENTE QUE SE DEIXE DE COBRAR LA CARRERA
Así mesmo, Zeltia Burgos negou que o persoal funcionario de carreira vaia a deixar de cobrar este complemento a pesar do fallo do TSXG, tal e como advertían CC.OO e UGT. "As razóns son sinxelas: a sentenza anula un acordo sindical, pero non anula a orde pola que foi convocado o grao extraordinario", explicou a responsable de CIG-Autonómica.
Ante todo iso, concluíu a súa intervención pedindo "menos manipulación" aos outros dous sindicatos, aos que acusou de pactar coa Xunta unha "discriminación".
"Se queren, é moi fácil de arranxar: convocatoria mañá mesmo da mesa xeral de empregadas e empregados públicos e negociar todas as partes unha carreira profesional universal", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.