Bocavirus humano, un virus apenas coñecido que afecta maiormente a menores de 5 anos

Investigadores galegos revisan as evidencias científicas sobre este parvovirus emerxente, identificado por primeira vez no ano 2005 e relacionado con infeccións respiratorias e gastrointestinais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/08/2021 | Actualizada ás 21:59

Comparte esta noticia

O bocavirus humano (HBoV) é un tipo de parvovirus que foi identificado e descrito por primeira vez no ano 2005 por un grupo de investigadores suecos do Instituto Karolinska comandado por Tobias Allander. O novo virus detectárase en mostras respiratorias de cativos do país nórdico con infeccións no tracto respiratorio inferior. Desde entón, considérase un virus emerxente e a súa incidencia foi aumentando a medida que tamén avanzou a investigación e o diagnóstico desta infección, aínda que practicamente nada se ten falado deste patóxeno nos medios de comunicación.

Ilustración por computadora do bocavirus humano (HBoV)
Ilustración por computadora do bocavirus humano (HBoV) | Fonte: Kateryna Kon.

Agora, un equipo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) actualiza o estado do problema cunha revisión de estudos clínicos que se fixeron sobre o HBoV desde que foi descuberto. Con esa revisión, estimaron a prevalencia deste parvovirus en Europa.

En total, revisaron 35 estudos que consideraron fiables e nos que participaron 32.656 suxeitos de 16 países europeos. Entre os estudos, observaron “heteroxeneidade”, con prevalencias de HBoV entre o 2% e o 45,69%, cunha estimación en conxunto do 9,57%.

“Ter menos de 5 anos é un factor de risco para a infección" relacionada co bocavirus humano 

Os investigadores, adscritos ao Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC, tamén analizaron a prevalencia do HBoV como infección única ou como coinfección con outros virus.

A prevalencia do HBoV en Europa oscilou entre o 2% en Finlandia e o 46% en Italia, aínda que a maioría dos estudos analizados mostraron valores entre o 2% e o 22%.

A prevalencia global agrupada entre o total de 32.656 casos recollidos nos estudos foi do 9,57%. Con todo, a aparición do HBoV como patóxeno único diminúe ata o 3,99%, mentres que a frecuencia de codetección –é dicir, convivencia con outros patóxenos– foi do 5,06%.

En canto á idade como factor de risco de infección por HBoV, os resultados indican que “ter menos de 5 anos é un factor de risco para a infección” por este parvovirus.

“Este estudo”, conclúen, “mostrou que o HBoV ten unha prevalencia moderada entre os países europeos” e a infección por este patóxeno “é relativamente frecuente en nenos ingresados ​​en hospitais”, polo que “se debe incorporar como parte dos paneis de diagnóstico estándar, especialmente para nenos menores de 5 anos”, subliñan.

QUE É O BOCAVIRUS

Aínda que na memoria colectiva e nos libros de historia será o coronavirus SARS-CoV-2 o que quede gravado en grandes letras, como explican os investigadores do CRETUS, “o século XXI levou ao descubrimento de varios virus respiratorios novos e emerxentes”, entre os que se atopa o bocavirus humano (HBoV).

O bocavirus humano foi identificado por primeira vez en 2005, en aspirados nasofarínxeos en nenos con infección do tracto respiratorio, en Suecia.

O bocavirus humano pertence ao xénero Bocaparvovirus (familia Parvoviridae, subfamilia Parvovirinae) e comprende catro xenotipos (HBoV1-4). O primeiro, o HBoV1, identificouse por primeira vez en 2005 en aspirados nasofarínxeos en nenos con infección do tracto respiratorio, en Suecia.

Os outros xenotipos (2, 3 e 4) detéctanse principalmente en mostras fecais, sendo o HBoV2 o máis frecuente nestas, seguido de HBoV1, HBoV3 e HBoV4.

De todos eles, o xenotipo 1 é o máis común e presentou maior carga viral en mostras de vías respiratorias que nas fecais.

“A falta xeral de xenotipos HBoV2-4 en mostras respiratorias e a súa presenza en feces suxiren que estes son entéricos e espállanse moi probablemente por vía fecal-oral”, consideran os científicos galegos.

Porén, matizan que “a aparición de HBoV nas feces é similar entre os pacientes con ou sen síntomas de infección respiratoria ou gastrointestinal, polo que o papel causante do HBoV na enfermidade gastrointestinal aínda non está claro”.

Ademais de en mostras respiratorias e de feces, o HBoV tamén se detectou en ouriños, saliva, sangue, amígdalas, líquido cefalorraquídeo e en mostras ambientais como auga de ríos e residuais, e mariscos. Achados que, din, teñen “implicacións incertas”.

Con todo, entre os estudos incluídos na súa revisión, “só algúns diferencian entre os catro xenotipos do HBoV, polo que non se puido informar da taxa de detección de cada xenotipo”.

As secuencias xenéticas e a análise filoxenética mostraron unha estreita relación do HBoV con dous membros da familia Parvoviridae: o parvovirus bovino e o canino, de aí o seu nome, bocavirus, composto por “bo” de bovino e “ca” de canino.

Como recordan os científicos galegos, “os HBoV adoitan detectarse en nenos, mentres que en adultos e anciáns a súa detección é infrecuente”, aínda que se deron casos.

Os estudos relacionaron a infección por bovacirus humano con pneumonía e bronquiolite 

Desde unha perspectiva clínica, o xenotipo 1 é o máis relevante dos HBoV. Trátase, como especifican os expertos, “dun dos virus respiratorios máis frecuentemente detectados, causando unha infección do tracto respiratorio superior ou baixo de leve a grave en nenos (principalmente entre os 6 meses e os 5 anos)”, entre os que acostuma ser reportado como segundo ou terceiro axente máis prevalente en cativos con enfermidade respiratoria.

Un estudo realizado en España e publicado este ano atopou que o virus detectado máis frecuentemente en coinfección con calquera tipo de virus da gripe en cativos foi o rinovirus/enterovirus (24,8%), seguido do virus respiratorio sincitial (24%), o bocavirus (19,1%) e os coronavirus humanos (18,3%).

Neste traballo analizáronse mostras respiratorias de 8 epidemias gripais consecutivas (desde a tempada 2011-2012 até a 2018-2019). O virus detectado en coinfección con gripe con maior frecuencia variou segundo o grupo de idade. Así, o bocavirus foi o que se detectou con maior frecuencia en nenos de 0-4 anos, o rinovirus/enterovirus en cativos de 5-14 e adultos novos de 15-39 anos, os coronavirus en adultos de 40-64 anos e o virus respiratorio sincitial en maiores de 65 anos.

A presentación clínica do bocavirus inclúe, entre outros síntomas, tose, conxestión sanal, otite media aguda, febre, dificultade para respirar, náuseas, diarrea, e tamén se asociou con pneumonía e bronquiolite.

Hai consenso científico tamén sobre como se espalla e evoluciona o HBoV: “Transmítese moi probablemente pola vía respiratoria e pódese detectar en cargas moi altas nas vías respiratorias durante a fase aguda, despois da cal pode persistir con baixas cargas virais durante meses”, resumen.

En resumo, o que se sabe é que as secuencias HBoV2, HBoV3 e HBoV4 se atopan case exclusivamente no tracto entérico (mostras fecais), mentres que o HBoV1, o primeiro dos bocavirus humanos identificados, infecta principalmente o tracto respiratorio e é máis frecuente que os outros.

POR PAÍSES

Dende o seu descubrimento en 2005, informouse da prevalencia de HBoV en distintos países, a cal vai do 1% ao 56,8% das mostras de vías respiratorias e do 1,3% ao 63% das mostras de feces, dependendo do país.

Os resultados da prevalencia agrupados por países europeos foron os seguintes: Albania (9,15%), Bélxica (6,68%), Bulgaria (6,99%), Dinamarca (21,05%), Finlandia (9,84%), Francia (8,48%), Alemaña (8,35 %), Grecia (3,24%), Italia (7,77%), Noruega (11,97%), Polonia (11,88%), Eslovenia (19,87%), España (11,60%), Suecia (18,92%) e Reino Unido (3,78%).

Ao asociarse normalmente con outros virus respiratorios, resulta difícil determinar se o bocavirus é a causa da infección ou un virus pasaxeiro

Segundo os datos recollidos polos científicos do CRETUS, a nivel mundial, a prevalencia total do HBoV estimouse ao redor do 6%. Con todo, sinalan que “a alta prevalencia non significa necesariamente unha relevancia clínica elevada e demostrar o seu papel causante foi difícil, en parte porque o virus adoita detectarse xunto con outros virus respiratorios e entéricos a taxas de codetección tan altas como o 75%”.

Estes datos, proseguen, “suscitan a dúbida sobre a verdadeira contribución e importancia do HBoV como axente causante de infeccións humanas”.

O feito de que o HBoV se asocie normalmente con outros virus respiratorios fai difícil determinar se é a causa da infección ou simplemente un virus pasaxeiro.

Por esta razón, fixeron unha revisión sistemática e metaanálise sobre as estimacións de infeccións por HBoV e obter, así, coñecemento sobre a súa prevalencia en Europa e sobre a importancia da idade como factor de risco.

Para os seus autores, esta revisión sistemática “apoia a necesidade de máis investigacións sobre a discriminación entre xenotipos e mostras respiratorias e gastrointestinais”.

PREOCUPACIÓN

Na comunidade científica existe “preocupación” pola “aparición de novos virus respiratorios”, que “se espera que aumenten nos próximos anos”, avisan os investigadores da USC.

Os expertos salientan a existencia de incógnitas aínda por resolver sobre este virus. Por exemplo, indican, “a aparición estacional de HBoV aínda é un tema de debate”.

“A maioría dos estudos incluídos nesta revisión informaron dunha estacionalidade do HBoV durante o outono e o inverno”

Malia que “non se observou unha estacionalidade clara en varios estudos epidemiolóxicos” e “a infección por HBoV diagnostícase ao longo do ano”, recoñecen a existencia de “evidencias crecentes que suxiren que as frecuencias máis altas da infección viral se dan durante os meses fríos”.

“A maioría dos estudos incluídos nesta revisión informaron dunha estacionalidade do HBoV durante o outono e o inverno”, detallan.

Con todo, resaltan que “a maioría” dos estudos analizados “non incluían información detallada sobre a distribución por meses das infeccións por HBoV, polo que non se puido realizar unha análise de estacionalidade” que permita concluír nada.

No contexto da pandemia da covid-19 (enfermidade causada polo coronavirus SARS-CoV-2), os investigadores do CRETUS consideran que “os estudos de prevalencia viral realizados antes do inicio da pandemia serán moi útiles para avaliar como as medidas de control contra o SARS-CoV-2 (usar máscaras, hixiene de mans, distanciamento social, bloqueos, restricións de viaxes) poden afectar a prevalencia doutros virus respiratorios”, como o HBoV.

Aí, din, radica a relevancia da súa revisión, xa que ofrece “unha instantánea pre-covid-19 da prevalencia do bocavirus en Europa” que pode ser útil para “avaliar se, como outros virus respiratorios emerxentes, diminúe” neste contexto pandémico.

O traballo, asinado por David Polo, Alberto Lema, Enia Gándara e Jesús L. Romalde, vén de publicarse na revista científica Transboundary and Emerging Diseases

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta