Un lume calcina dous coches e un garaxe en Oleiros

Non houbo que lamentar danos persoais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2021 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

Un incendio orixinado nun domicilio calcinou este domingo un garaxe e dous vehículos na parroquia de Dorneda, no municipio coruñés de Oleiros. Tal e como explicou o 112 Galicia, o servizo recibiu a chamada dun particular pouco antes das 18,00 horas na que informaba de que saía fume do garaxe dun veciño. Seguidamente, varios particulares tamén se puxeron en contacto co 112 para informar do mesmo feito. Un dos alertantes especificou que nese garaxe había dous vehículos, que poderían estar a arder.

O servizo solicitou a intervención dos Bombeiros de Arteixo, da Garda Civil, da Policía Local, do Servizo de Emerxencias de Oleiros e, por se houbese persoas afectadas, tamén se trasladou o aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061.

Nun primeiro momento, os axentes da Garda Civil mobilizados ata o lugar, avisaron de que o lume que se iniciou no garaxe, tiña risco de propagarse á vivenda unifamiliar. Finalmente, os Bombeiros de Arteixo confirmaron que o lume calcinara por completo o garaxe e dous vehículos e que non había que lamentar danos persoais. O incendio tampouco se estendeu ao resto da vivenda.

ARDE UNHA PALLEIRA EN FORCAREI

Por outra banda, o 112 informou de que os servizos de emerxencia traballan a esta hora na extinción dun incendio nunha palleira no lugar da Ponche, en Forcarei.

Tras recibir o aviso a través de Medio Rural, os xestores do 112 Galicia informaron os Bombeiros do Deza, á Garda Civil, ao GES da Estrada e tamén a Protección Civil de Forcarei. Xa no lugar, os bombeiros aseguraron que o que ardía eran rolos de herba seca que estaban dentro dunha palleira e que os medios de extinción traballaban para tentar sacar a maioría do material do lugar e así evitar que o incendio se propagase. Ademais, os membros da Agrupación de Voluntarios de Forcarei sinalaron que se trataba dunha granxa, onde había unha nave con animais.

Segundo confirmaron os Bombeiros do Deza, non hai ningunha persoa afectada polo incendio, que xa está controlado, pero no que aínda traballan para tratar de extinguilo.

Parque de Bombeiros. EUROPA PRESS - Arquivo
Parque de Bombeiros. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta