Lecturas no verán 2021 (e Rosalía)

Tantas lecturas decepcionan, e tantos libros caen das mans, que talvez non está de máis compartir cos lectores de Galicia Confidencial unha literaria maleta de viaxe.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 02/08/2021

Comparte esta noticia
En efecto, moitos foron os libros que por desgraza non chegaron a cumprir as miñas expectativas. Ás veces, soamente foi o instinto lector que non funcionou na escolla. Pero, noutros casos, foron os eloxios da crítica e os premios literarios os que aconsellaban esas obras.
 
Por fortuna, houbo unha serie de lecturas recentes que chegaron sen problemas ao corazón. Son as seguintes:
 
1. “A boa sorte”, de Rosa Montero. 
2. “Bilbao-New York-Bilbao”, de Kirmen Uribe.
3. “Nenos no tempo”, de Ricardo Menéndez Salmón.
4. “Nunha selva escura”, de Nicole Krauss.
5. “Sostén Pereira”, de Antonio Tabucchi.
6. “A fraxilidade do mundo”, de Joan-Carles Mèlich.
7. “O animal piadoso”, de Luis Mateo Díez.
8. “Recordos de Tolstoi, Chekhov e Andreiev”, de Maxim Gorki.
9. “Guerra e paz”, de Lev Tolstoi.
10. “O tempo”, de Ana María Matute.
 
Os próximos libros nos cales estou desexando entrar son os seguintes:
 
1. “A vida incerta”, de Montse Fajardo.
2. “Un señor elegante”, de Suso de Toro.
3. “Os paraísos perdidos”, de Antón Riveiro Coello.
4. “Limiares: unha viaxe pola cultura occidental a través das súas portas”, de Óscar Martínez. 
 
Quero mencionar tamén varias obras - feitas por amigos ou coñecidos - que teño pendentes de ler:
 
1. “Rebeldía xusta”, de Patricia Ares.
2. “Liorta viquinga 2”, de José María Rodríguez Tubío, “Xardón”.
3. “Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán”, de Pilar García Negro.
4. “Hemisferio auga”, de José Carou Rey.
5. “O rosario e a buguina”, de Xosé Ricardo Losada.
6. “Rompe”, “Vangarda ule”, “Nas pulsacións” e “Desde onde non nace”, de Manuel López Rodríguez.
 
Por certo que a Manuel concedéronlle nada menos que seis premios de poesía e un de contos nos últimos dezaoito meses, e non se entende que non estea máis presente nos medios de comunicación.
 
Por outra banda, están sempre acompañándome os artigos de prensa. Nos últimos tempos, chamáronme a atención pezas de diversa autoría: Silvia R. Pontevedra, Patricio Pron, Julio Llamazares, Gustavo Martín Garzo, Manuel Vicent e Antonio Muñoz Molina, entre moitas outras. Sinto un crecente interese por textos sobre filosofía, sobre historia, sobre arquitectura e sobre viaxes, xunto cos que sempre me fascinan de música ou literatura. É un pracer volver a encontrarse con antigos exemplares de revistas excelentes como “Álbum”, “El Urogallo”, “Lateral”, “Quimera” ou “Leer”. Quero descubrir as obras de máis autoras e autores doutras latitudes.
 
Para finalizar, vou contar que, por un afortunado azar, encontreime neste mes de xullo con algúns dos meus propios e numerosos apuntamentos manuscritos soltos dos anos 1996 a 2000, cando investigaba a vida de Rosalía de Castro para a novela que permanece inédita titulada “O lume asolador das paixóns”. Entre estas notas vexo varios interrogantes, detalles que non incorporei á novela pero que poden ser fíos a seguir cando se intenta coñecer mellor á aínda moi misteriosa estrela da cultura galega. Por dar uns exemplos:
 
1. Un artigo de Luis Seoane menciona que o ilustrador José María Cao (Cervo,1862 – Lanús, 1918), lugués que acabou sendo famoso vivindo na Arxentina, foi mestre de Rosalía. Cando? Onde? Quen pagou esas clases?
2. Un libro de Elvira Martín di o seguinte: “En el mismo año de su conocimiento publica Murguía en la revista “El Museo Universal” de Madrid, bajo el título de “Olivia”, una descripción exaltada de su amor hacia una mujer imaginaria que es el retrato espiritual de Rosalía. ¿Se le declaró por este medio o ya existía un entendimiento afectivo entre ellos, que el escritor exalta con elevado tono romántico?” Cantas persoas coñecen este texto “Olivia” na actualidade? ¿Está facilmente dispoñible?
3. Sorprende moito a seguinte descrición – coa cal non concordo en varios aspectos - que a mesma Elvira Martín fai de Murguía: “Manuel Murguía era de origen vasco, aunque nacido en Galicia. Estaba dotado de grandísimo talento y sensible corazón, pero era bajísimo de estatura, feo, pobre y padecía de un exceso de modestia. Su gran amor por Rosalía estaba impregnado de una noble admiración. Él fue quien descubrió a la poetisa, quien la sostuvo en sus dudas y desfallecimientos y contribuyó a su consagración manteniendo siempre vivo su culto”. Estou convencido de que Murguía era moi consciente da súa valía en non tiña ningún exceso de modestia. É discutible o da súa fealdade, pero este triste tema tamén é unha lacra noutros estudosos, como é o caso de Ricardo Carvalho Calero en referencia a Rosalía.
4. Existe un precioso artigo debido á pluma de Ramón Otero Pedrayo que versa sobre o poeta Aurelio Aguirre Galarraga. Por desgraza, non o conservo completo. Coido que aparece microfilmado, procedente do xornal La Noche, nos arquivos da Biblioteca da Universidade de Santiago en Fonseca.
5. Preocupa a relación entre Rosalía e Emilia Pardo Bazán. Chegarían a coñecerse? Por que foi a Condesa tan dura coa cantora do Sar?
 
En todo caso, estamos á espera de que se publique a ansiada segunda parte da biografía de Rosalía a cargo de María Xesús Lama. Cubrirá toda a obra maior rosaliana, e os anos máis intensos e profundos, polo cal este volume é un verdadeiro reto e unha necesidade na nosa cultura.
 
Estas recomendacións funcionaran dependendo dos patróns, dos gustos e das circunstancias. Desexo, querida lectora ou querido lector, que teñas un verán venturoso, e que os soles invisibles que proporcionan as artes iluminen belamente a túa época estival.

Libros
Libros
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.