Por Galicia Confidencial | | 04/01/2014 | Actualizada ás 11:35
Una ano máis, a asociación ecoloxista Adega acaba de facer públicos os seus premios Osíxeno e Dioxina para recoñecer as actuacións de persoas ou colectivos a prol ou en contra do medio ambiente.
O alcalde de Rianxo e Nunca Mais recibiron os premios Osíxeno, mentras que o xefe do servizo de conservación na Coruña, Carlos Muñoz, e parlamentarios europeos que asinaron o informe sobre o estado das rías levan o de Dioxina.
En 2009 instituiuse tamén o premio Osíxeno de Honra, para subliñar toda unha traxectoria de compromiso co ambiente e a cultura do país, que na súa primeira edición recibíu D. Isaac Díaz-Pardo e que nesta foi para Antón Masa, presidente da APDR.
Estas son as xustificacións de Adega:
-Premio OSÍXENO 2013, categoría individual: Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo, pola valente decisión de abandonar SOGAMA e a incineración e solicitar a incorporación á Mancomunidade do Barbanza para compostar os residuos urbanos.
-Premio OSÍXENO 2013 categoría colectivo: Equipa xurídica de Nunca Máis, por manter durante 11 anos a loita xudicial pola dignidade do pobo galego sinalando as responsabilidades dos verdadeiros culpábeis da catástrofe do Prestige.
-Premio OSÍXENO de honra 2013: Antón Masa, presidente da APDR por toda unha traxectoria de compromiso co ambiente e defensa das rías e montes galegos fronte ás celulosas e os eucaliptos.
Premios Dioxina 2013, ás acccións máis nefastas para o ambiente:
-Premio DIOXINA 2013 categoría individual: Carlos Muñoz, xefe do servizo de conservación na Coruña, un dos responsábeis dos masacres de lobos do Barbanza, do sangrado reiterado da lagoa da Frouxeira, e denunciado Fiscalia de Medio Ambiente polo dragado da ría de Ferrol (Rede Natura 2000) e a destrución de hábitats prioritarios.
-Premio DIOXINA 2013 categoría colectivo: Parlamentares da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo que asinaron o "vergoñento e manipulado" informe sobre o estado das rías galegas, minimizando a responsabilidade da Xunta e o Estado na lamentábel situación destes espazos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.