O 'Nachiños Fest' volve ao porto de Curuxeiras, en Ferrol

Terá lugar entre o 14 e o 16 de agosto cun cambio de escenario.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 05/08/2025 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou na mañá deste martes na presentación da sexta edición do Nachiños Fest, un festival que se celebra no marco dos concertos do Xacobeo e que terá lugar entre o 14 e 16 de agosto, sendo unha das súas novidades o cambio de escenario, irrompendo no porto de Curuxeiras. Acompañada de representantes do Concello de Ferrol e da organización do evento, Aneiros destacou a "boa saúde" do festival, que "amplía a oferta turística e de lecer na tempada estival de Ferrolterra".

A delegada referiuse tamén ao "cartel de gran nivel con variados estilos musicais", que inclúe desde indie ata pop rock, coa participación de artistas nacionais como Sexy Xebras e Malmö 040, xunto a formacións galegas como Ortiga, Filloas ou 9Louro. Aneiros resaltou o compromiso da Xunta con eventos como o Nachiños Fest, que "non só ofrecen música de calidade, senón que ao mesmo tempo promocionan a nosa cidade e comarca, fomentando o turismo".

As entradas para o festival xa están á venda na páxina oficial do Nachiños Fest, con prezos que van desde os 33 euros para as entradas diarias ata os 55 euros para o abono de dúas xornadas. Con todo, a Xunta de Galicia reafirma a súa aposta por situar á comunidade como un destino turístico de grandes eventos musicais a través dos concertos do Xacobeo, un programa que inclúe máis de 150 festivais, ciclos e concertos en máis de 70 localidades de toda Galicia.

Presentación do Nachiños Fest. XUNTA
Presentación do Nachiños Fest. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta